A anarquía é só o comezo

María Xosé Lamas.-

ANARQUISMO.- N. m. Doutrina que preconiza a absoluta liberdade do individuo e da propiedade privada dos bens de produción. Con estas palabras figura a definición deste termo no dicionario. Dende a antigüidade diversos autores trataron dos abusos que podía cometer o estado e da organización dunha sociedade ideal. Lembremos neste senso as achegas de Platón, Campanella, Tomás Moro e, máis tarde Godwin, Proudhon, Bakunin, Réclus,Grave, Kropotkin ou Tolstoi .

Ideas, teorías máis ou menos utópicas  convertidas en ideoloxías, permaneceron, latentes moitas veces, no seo das sociedades dende hai séculos, aflorando por momentos amparadas por tendencias políticas ou sindicais, mais tamén en contra delas. Ás veces esquecemos a súa existencia porque se atopan agochadas baixo o mutismo que xera o estatus social do benestar, da concepción capitalista que asolaga a sociedade actual no “primeiro mundo”.

Cando se veñen abaixo os postulados que sustentan a rede social e racha definitivamente polos nós cal molécula radioactiva, a súa implosión desencadea unha onda expansiva que remove mentes inquedas e inconformistas dispostas para a loita polo cambio. Túnez, Exipto, Libia, Marrocos,… desenvolven os ecos da reforma necesaria. Pero tamén nos estados estábeis dos países na vella Europa, os cidadáns acordan do sono e do letargo. A crise xorde case de súpeto; os reactores económicos  estouran e contaminan aos cidadáns activos removendo conciencias amparadas polo inconformismo e estala a revolución das masas. Unha revolta  incipiente, ás veces improvisada –coma todas as habidas e por haber- pero consciente da necesidade de demoler as estruturas obsoletas, as columnas ríxidas dun Partenón que deixou de ser convertido en ruínas. Mais até construír no seu solar o novo edificio social é preciso tempo. Un tempo sen contratos sociais, sen premisas estruturalistas, sen goberno (coma en Bélxica), anarquista.

Así, moitas das accións do 15M lembran o anarquismo xurdido dende finais do s. XIX ao comezo do s. XX nalgúns países da Europa occidental, mais con certas diferenzas. A principal é que desta volta levan como primeiro apelido o pacifismo. A protesta ante o intervencionismo estatal en todos os ámbitos sociais por parte dos gobernos está a consolidarse en accións pacíficas e reivindicativas que pretenden amosar na praxe a posibilidade de organizarse doutro xeito diferente ao estipulado e ao politicamente correcto.

Non somos máis ca persoas indignadas que pretendemos facernos oír  para que se teñan en conta os nosos postulados, exercendo a liberdade de expresión tan pouco aceptada, aínda que sabida e defendida até pola obsoleta Constitución que nos obriga aos cidadáns do estado español.  Persoas que cansamos de sermos monicreques nas mans de poderes non desexados; que rompemos os fíos e queremos vivir sen as atumes dos réximes alienantes que nos pretenden controlar. SOMOS e ESTAMOS dispostos para a loita social, pola liberdade individual e colectiva, pola cidadanía, fóra de toda consideración de súbditos do capitalismo.

Isto é só o comezo!

27/06/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión