Casas abandonadas

Mario Paz González.-

Un dos mellores momentos do día para gozar dun bo paseo polas rúas de calquera vila ou cidade é, sen dúbida, o das primeiras horas da alba, cando todas as imaxes do mundo circundante manteñen aínda ese fulgor e esa pureza única do auténtico, pero tamén presentan un certo ar de escenografía onírica. Se cadra é así, por ser ese un tempo roubado ao soño, un tempo no que este e a vixilia mestúranse nalgún lugar difuso e profundo do noso cerebro. Tamén é o momento no que un pode ver, con esa exactitude preclara, propia do turista ou do forasteiro, algúns aspectos -que en calquera outra circunstancia non percibiría- do lugar onde vive, ou no que viviu moitos anos, cunha lucidez analítica, poucas veces igualada ao longo do día, cando xa as preocupacións ou as miserias que conforman a rutina cotiá terán contaminado as nosas ideas e o ar mesmo que respiramos, até conseguir paralizar o noso cerebro por completo.

Así, cos farois das rúas xa apagados, paseando baixo un ceo dun azul cada vez máis claro ante unha paisaxe urbana apenas alumada polos refachos dos faros dalgúns automóbiles madrugadores ou polo difuso resplandor das derradeiras estrelas dunha das primeiras noites do verán, un pode contemplar a triste deterioración sufrida ao longo dos anos por algunhas das rúas e por algúns dos edificios que, con todo, fican aínda caprichosamente intocables nos escuros eidos da memoria. Mais agora, un contempla abraiado como moitas das que no seu día foran pequenas casas de pedra abertas e luminosas, cheas de vida e claridade, foron languidecendo co paso do tempo, perdendo a súa sinxela beleza ata converterse en tétricos edificios, pechados baixo sete chaves, moitos deles baleirados de todo, até de andares, pola seu abandono. Deles colgan agora tristes farrapos vexetais asomando polas xanelas ou polas físgoas deixadas entre as pedras das súas paredes. Semellan esqueletos de animais prehistóricos ou caveiras que sorrín ante a súa propia ruína e desolación. Noutros casos esas mesmas edificacións foron substituídas, en tempo non tan lonxano, por outros, supostamente flamantes, edificios, na realidade máis ben grises e un pouco miserables, pasto do utilitarismo, o formigón armado e unha vergoñosa modernidade atemporal, claramente impersonal e, se cadra, un pouco trasnoitada, allea en calquera caso á contorna que os rodea. Dá un pouco de pena ver as vellas casas desdentadas e abandonadas, pero, sen dúbida, dá máis pena aínda contemplar algúns deses novos torreóns con algo de fachendoso e vulgar que as substituiu en tantos casos. Torreóns que foron construídos en plena orxía especulativa das pasadas décadas e que agora, quen sabe se por efecto da crise ou da falta de previsión dos seus construtores, están a piques de correr a mesma sorte que as casas orixinais ás que eliminaron, pois permanecen aínda practicamente baleiros, tamén en ocasións pechados, tamén, en calquera caso, mortos en vida, afeando, como unha aniquiladora e grotesca dentadura imparable, o noso skyline, esa modesta liña do ceo das pequenas vilas e dalgunhas cidades, ameazando a paisaxe sen que nada nin ninguén poida xa remedialo.

Un non deixa de preguntarse pola razón de todo isto. Das casas abandonadas e dos torreóns fantasmagóricos, pero non acaba de atopar unha resposta convincente. Se cadra é difícil dar con ela. Se cadra aínda máis agora que o sol comeza a brillar no alto e un percibe como, igual que lles ocorre aos vampiros, a mente váiselle retardando aos poucos coa luz da mañanciña, co tráfico cada vez máis acusado, coas rúas cada vez máis ateigadas de xente, desa masa informe e compacta, indiferenciada, de traballadores que, como un mesmo, acoden aos seus postos, levados pola vida imparable do novo día que xa se impuxo.

29/06/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión