A complexa reforma laboral

Moncho Paz.-

Ás veces unha imaxe vale máis que mil palabras. Refírome ás fotografías de Valeriano Gómez, ministro de Traballo, do pasado mércores no Congreso dos Deputados. O seus xestos (mans á cabeza, movementos de brazos, pensativo e coa ollada perdida) amosaban nerviosismo e preocupación. Foi durante a sesión na que se votaba o decreto de reforma da negociación colectiva, que ao final foi aprobado unicamente cos votos do PSOE, obrigado a conseguir en tempo límite a abstención de PNV e CIU para que o texto saíse adiante sen problemas.

A negociación colectiva era un tema aprazado dende hai case un ano, cando se puxo en marcha a última das reformas laborais aprobadas en democracia, coa dobre finalidade de reactivar o mercado de traballo e evitar o alto custo social derivado da crise. Tramitada como proxecto de lei e, polo tanto, con carácter de provisionalidade e suxeita a emendas e modificacións, a presente reforma laboral deixou temas pendentes de tramitación na súa orixe, como a formación ou a negociación colectiva, que foi aprobada agora.

Esta reforma foi calificada inicialmente de controvertida e insuficiente polos empresarios e de innecesaria polos sindicatos. Unha das principais críticas que recibiu era que penalizaba o contrato temporal e non ofrecía a suficiente flexibilidade para incentivar a contratación de traballadores e profesionais por parte das empresas. A exposición de motivos do real decreto-lei era clara e grandilocuente, pero non acontecía o mesmo co resto do texto, pois non modificaba substancialmente a norma anterior. E o mesmo sucede agora coa negociación colectiva: no preámbulo menciónase a necesidade de que os salarios se vencellen á produtividade, pero non recolle esta idea nos artigos que desenvolven a norma, co cal a recomendación carece de valor xurídico.

Son dos que pensa que as leis deben favorecer o cambio de mentalidade dos cidadáns. E no que se refire a este tema, é preciso mudar radicalmente o modelo das relacións laborais, que rache coa tradicional desconfianza entre empresario e traballador e aposte por un sistema onde se garanta a implicación de todos para retomar o camiño do crecemento. Na maioría das grandes empresas estase a facer dende hai tempo: contempla un componente fixo e outro variable para os soldos e tamén políticas de retribución por obxectivos. En definitiva, un esquema moderno que crea compromiso por ambas as partes e fomenta a motivación profesional.

25/06/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión