Continuidade e cambio

Moncho Paz.-

Tras varios domingos convulsos para o socialismo ibérico –coa debacle electoral en España e a estrepitosa derrota de Sócrates en Portugal– chega o momento da reflexión. Ou polo menos debería ser así; pero teño a sensación de que aínda non se fixo unha análise pormenorizada das causas do acontecido, nin tampouco se asumiron as responsabilidades correspondentes, que sería a consecuencia derivada deses fracasos. Por exemplo, no caso da provincia da Coruña non se produxo a necesaria renovación e Salvador Fernández Moreda continúa ao fronte do PSdeG, a pesar da perda da alcaldía herculina, xunto á de Ferrol e previsiblemente a de Compostela, ademais da saída da Deputación. É dicir, nin cambio de persoas nin xiro ideolóxico para recuperar a confianza dos cidadáns; deste xeito será moi difícil conectar de novo coa sociedade. Ou non?

E así aterramos no gran día das corporacións locais que xurdiron das eleccións do 22-M, pois hoxe serán elexidos os novos (e vellos) alcaldes na maioría das vilas e cidades. Unha xornada de cambio ou continuidade, segundo cada caso, agás en Compostela, onde o traspaso de poderes no Concello queda aparcado ata que se resolva o contencioso electoral presentado por nacionalistas e socialistas, mantendo a incertidume dos cidadáns.

Precisamente as palabras “continuidade” e “cambio” foron as empregadas esta semana por Rubalcaba, ou simplemente Alfredo, como quere ser coñecido a partir de agora o vicepresidente primeiro e ministro do Interior. Con estes termos referíase a unha “nova oferta electoral” para conseguir un proxecto renovado, atractivo para a cidadanía e que dea resposta ás actuais demandas sociais. Pero vaino ter bastante difícil, pois “vender” ese proxecto pasa por deixar os cargos no Goberno e adicarse en exclusiva a elaborar unha alternativa que convenza a propios e indecisos. Basta con fixarse nas últimas enquisas sobre intención de voto publicadas por dous xornais madrileños de distinta tendencia: coinciden en que o PP saca nestes intres máis de 13 puntos ao PSOE. Un dato significativo e preocupante, non creen?

Cun escenario tan pouco esperanzador, coido que o abandono de cargos por parte de Alfredo debe producirse despóis do vindeiro debate sobre o estado da nación, a finais de xuño, e antes da Conferencia Política do PSOE, prevista para setembro. E adicar os meses estivais e reflexionar e deseñar estratexias para crear novas expectativas e xerar ilusión.

11 de xuño de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión