Exodo, diario de una refugiada española

Paulo Naseiro.-

Caravanas de hombres, de mujeres y de niños. De soldados dispersos y campesinos fugitivos. Apenas nadie habla, si no es para quejarse de cansancio o para animar a proseguir esa ruta que no parece tener fin. Las pupilas se cansan, y hasta el alma, de esta emocionante visión del éxodo, de tanto contemplar –unos a otros- la marcha hacia nuevos horizontes.

Silvia Mistral, ou Hortensia Blanch Pita, é unha das primeiras voces que narra o cruel destino dos exiliados españois no seu libro Éxodo, Diario de una refugiada española, publicado en México en 1940, e que constitúe un dos máis importantes relatos do exilio. Prologado polo poeta León Felipe, o texto narra en primeira persoa os anos da guerra en Barcelona, a súa saída cara a Francia, a infame acollida das autoridades galas aos exilados españois, e a viaxe a México a bordo do buque Ipanema.

Andiven detrás deste libro hai tempo, sen éxito, xa que só viu algunhas pequenas edicións no país que acolleu á súa autora, e non foi até moi recentemente que Icaria Editorial deu á luz a primeira edición española. Este sábado, o diario Público na súa imprescindible colección Biblioteca de la República ofreceuno ao prezo popular de 1 euro.

Manolo Roca xa daba en 2008 nas páxinas deste xornal noticia da escritora Silvia Mistral, que naceu na Habana en 1914, filla de pai catalán e nai galega. Pasou algúns anos da súa infancia na terra natal de súa nai, en Vilalba, e en 1926 retornou a Cuba coa súa familia.

En 1931, tras a proclamación da II República, a familia volveu a España, obrigada pola ditadura de Gerardo Machado. En Barcelona traballa nun laboratorio químico, e moi nova  comezou a publicar textos nos suplementos literarios dos xornais Las Noticias e El Día Gráfico. Adicada á crítica cinematográfica nas revistas Popular Film, Films Selectos e Proyector,  en xullo de 1936 fíxose cargo da sección de publicidade da Paramount, que dirixira a escritora galega María Luz Morales. Durante a guerra, publica crónicas do conflito no xornal La Vanguardia.

Exiliada en Francia, e posteriormente en México, onde puido reunirse co seu compañeiro, Ricardo Mestre. No país norteamericano continuou a súa actividade como escritora, incluíndo o seu papel como crítica de cinema en revistas como Arte y plata.Tamén escribiu contos para a revista Aventura, e foi autora de novelas rosa como Violetas imperiales. Outras obras desta autora foron: Madréporas, con ilustracións de Ramón Gaya; La cola de la sirena, El niño de la banda e La cenicienta china. Foi columnista habitual do importante xornal capitalino Excelsior. Finou en México D.F. en agosto de 2004.


Éxodo. Diario de una refugiada española
Silvia Mistral
Edición a cargo de José Colmeiro
ISBN 978-84-9888-062-5
Icaria Editorial, 2009

Edición do diario Público:
ISBN 84 437008 877129
Diario Público, 2011
Teléfono de números atrasados: 902 012 031

12 de xuño de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión