Festas pagáns

María Xosé Lamas.-

Convencións  políticas partidistas e partidarias, actos de apoio a asociacións benéficas, participacións en manifestacións sociais, congresos de asociacións deportivas,…. semella, a ollos de catro “mentes pensantes”, que son delirios fanáticos de masas informes e manipuladas.

Non é tanto así. Hai “mentes pensantes” que son capaces de diversificar o seu labor e considerar o feito social tan importante coma o individual. Somos animais políticos e non o podemos esquecer. A nosa existencia depende da sociedade na que estamos incardinados e aceptar esta premisa está precisamente vinculado á capacidade que cada persoa ten como axente da sociedade na que vive.

Esta fin de semana celebrouse en Vilalba o Congreso das Peñas Barcelonistas de Galiza, organizado pola deste pobo. Nos seus actos participaron non só persoas con carné do Barça, senón simpatizantes e incluso xente allea a un deporte de masas como é considerado o fútbol. Persoas que, máis alá de fanatismos, están vinculadas á vida sociocultural da nosa vila, que participan en actos sociais ou culturais de todo tipo, como se ten demostrado nestes días, pois moitos vilalbeses e vilalbesas que acudiron o venres ao recital musical de fin de curso do Conservatorio, coincidiron onte na estrea da peza da Escola de Teatro de Vilalba e hoxe nos actos de celebración dos éxitos do Fútbol Club Barcelona.

Abonda xa de etiquetas, de encadres definidores de tendencias, de carnés determinantes… non precisamos deles. Pola contra, para facer Pobo, con maiúsculas, hai que xuntarse baixo calquera circunstancia, ao abeiro de calquera contexto que abranga á cidadanía en minoría ou maioría cos seus gustos, tendencias ou ideoloxías persoais e intransferíbeis.

Cando sexamos capaces de aceptar as diversas manifestacións socias do noso pobo, seremos quen de respectar a liberdade persoal de todos e cada un de nós e tamén dignos de considerarnos cidadáns.
Participemos, pois, nas festas pagáns. Delas será o reino dos ceos!

12 de xuño de 2011

1 comentários :

  • Ainda que son consciente de que moita xente non o entendeu, un dos obxetivos da xuntanza era dinamizar e dar a coñecer o noso pobo. Temos que pensar que dos 450 participantes entre sábado e domingo, todos eles comeron no pobo, parte deles durmiron, e de seguro que todos deixaron algún cartiño na vila. Ó mellor algún volve porque lle gustou o pobo. Todo o que sexa movemento é bo. Gracias a todos os que á apoiaron e ós que non o fixeron tamén. Xa que o caso é que falen, ainda que sexa mal.

    15 de xuño de 2011, 14:36

Danos a túa opinión