Paco Martín, o escritor na súa terra

Alba S. Naseiro.-

O escritor lucense Paco Martín foi homenaxeado hoxe na súa cidade pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) nun emotivo acto no que participaron escritores como Cesáreo Sánchez Iglesias e Mercedes Queixás, directivos da AELG, Xabier P. DoCampo, Agustín Fernández Paz, María Pilar García Negro, Marica Campo, Darío Xoán Cabana, Carlos Reigosa ou Lois Diéguez, entre outros moitos, políticos como Xosé Manuel Beiras, así como numerosos lucenses que quixeron unirse á homenaxe.

A xornada comezou coa plantación da árbore simbólica escollida polo escritor, un carballo, e o descubrimento do monolito conmemorativo na Praza da Horta do Seminario. Como anécdota, sinalar que o texto grabado no pedrón, que debería ser un fragmento da obra de Paco Martín, resultou unha proba de maquetación ou, na xerga do deseño gráfico, Lorem Ipsum. O concelleiro Antón Bao, en nome do Concello de Lugo, prometeu que en vindeiros días ficará subsanado este erro. Durante o acto anunciouse que o Concello de Lugo se sumará á homenaxe dándolle o nome de Paco Martín á Biblioteca Municipal da Piringalla.

O autor de Das Cousas de Ramón Lamote lembrou o Lugo da súa nenez, e como ían coller a froita nas hortas existentes no que agora é a Avda. Ramón Ferreiro, onde estaba o antigo cemiterio municipal, e lembrou o misterio que tivo para el aquel lugar en diferentes momentos da súa vida.

A continuación, no salón de plenos do Concello de Lugo o alcalde Xosé López Orozco deu a benvida aos asistentes, e lembrou a fecunda tradición literaria da provincia de Lugo. Alejandro Tobar, antigo alumno e bo amigo de Paco, fixo a laudatio ao homenaxeado na que destacou o seu vínculo coa cidade a través do seu álter ego, Ramón Lamote. Un emocionado Paco Martín recibíu a E de escritor, unha peza do escultor Silverio Rivas, de mans do presidente da AELG.

Os actos remataron cun concorrido xantar de confraternidade no restaurante do hotel Méndez Núñez, lugar simbólico onde en 1918 se reuníu a primeira Asemblea Nazonalista, que contou coa participación dos músicos Mini e Mero.

Con esta homenaxe ao Escritor na súa Terra, que fai a número XVII, a AELG procura un contacto directo co autor, coa súa terra, e cos referentes que enriquecen a súa creación, así como a implicación do homenaxeado na celebración. Constitúe unha encontro popular no que se recoñece o talento de insignes figuras na plenitude da súa carreira literaria, en contraposición ao día das Letras Galegas, que rinde homenaxe a autores desaparecidos. En edicións anteriores, recibiron a E de escritor os vilalbeses Agustín Fernández Paz e Xosé Chao Rego, Xosé Neira Vilas, Manuel María, Bernardino Graña, Uxío Novoneyra, Luz Pozo Garza ou Antón Avilés de Taramancos, entre outros.



Reportaxe gráfica: Paulo Naseiro

25/06/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión