Paz Andrade para as Letras Galegas 2012

Redacción.-

A polifacética traxectoria de Valentín Paz Andrade (Pontevedra, 1898-Vigo, 1987) valeulle onte ser elixido pola Real Academia Galega como a figura á que se lle dedicará o Día dás Letras Galegas de 2012.

Valentín Paz Andrade licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela en 1921 e foi durante a súa etapa de estudante cando se achegou ao movemento galeguista, participando na II Asemblea Nacionalista de Santiago de Compostela (1919). Era director do xornal 'Galicia' en 1926 cando foi pechado pola ditadura de Primo de Rivera.

Presidiu o Grupo Autonomista Galego (1930), foi candidato ás Cortes Constituíntes de 1931 xunto con Castelao e Cabanillas, colaborador da redacción do anteproxecto do Estatuto de Galicia presentado polo Seminario de Estudos Galegos (1931) e membro activo do Partido Galeguista, do que foi nomeado secretario en 1934.

Durante a Guerra Civil axudou a fuxir e defendeu a moitos intelectuais galeguistas e, por causa da súa actividade política e da publicación dalgúns artigos foi detido en diversas ocasións.

As súas colaboracións foron frecuentes nos xornais 'O Pobo Galego', 'Faro de Vigo' e 'A Noite', onde aparecían asinadas con pseudónimos como M., Xan Quinto e Mareiro. Desde 1945, xuntábase para falar e debater no café Alameda de Vigo con intelectuais e artistas como Carlos Maside, Laxeiro, Prego de Oliver, Fernández del Riego ou os irmáns Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez.

O progreso e o avance de Galicia está presente na súa obra, exemplo diso son 'Galicia como Tarefa' (1959), 'A anunciación de Valle-Inclán' 1967), 'A marginacíón de Galicia' (1970), 'Castelao na luz e na sombra' (1982), 'Galiza lavra a sua imagem' (1985).

Na súa faceta poética, a Real Academia Galega (RAG) destaca as achegas realizadas desde 'Soldado dá morte' (1921), 'Pranto matricial' (1954), 'Sementeira do vento' (1968), 'Cen chaves de sombra' (1979) ou 'Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo' (1985).

Foi membro correspondente da Real Academia Galega desde 1964 e numerario a partir de 1978, cando deu lectura ao preceptivo discurso que titulou 'A galecidade na obra de Guimaraes Rosa', e que foi respondido en nome da institución por Álvaro Cunqueiro.

06/06/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión