Peche do xornal 'Galicia Hoxe'


Redacción.-

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) lamenta o peche da versión en papel de Galicia Hoxe, que deixará de estar nos quioscos a partir de mañá como consecuencia, segundo sinalan no seu propio web, da "crise económica e radical recorte das axudas institucionais". Ademais, o CPXG manifesta a súa profunda preocupación polo despedimento dos seus dezanove traballadores.

Como xa ten manifestado a Xunta de Goberno do CPXG en máis dunha ocasión, o peche dun medio de comunicación é unha mala nova para a profesión, pero, nomeadamente, para o conxunto da sociedade, que perde en pluralidade informativa e neste caso, un medio de referencia en galego.

A notificación de despedimento para os 19 traballadores resulta especialmente preocupante e lamentable, dado o feito de que desde xaneiro de 2011 aceptaron un ERE que xa viña mirrando as súas horas de traballo e salario. O CPXG quere, neste sentido, facer un chamamento ás empresas para que se impliquen na defensa dos empregos en condicións laborais dignas nunha situación de crise económica que está a golpear ao sector xornalístico e con especial dureza aos periodistas.

Por outro lado, a referencia do propio medio á "crise económica e recurte das axudas institucionais" como causa da inviabilidade da cabeceira obríganos a lembrarlles ás as institucións galegas que deben velar por un espazo comunicativo plural e defender a presenza nel do idioma galego, tal e como establece o Estatuto de Autonomía no seu artigo 5. (Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa).

Non debemos esquecer que a desaparición da edición en papel de Galicia Hoxe supón a continuación dun proceso de peche de proxectos informativos en galego que contribuíron a creación dun espazo comunicativo propio, como Vieiros, A Nosa Terra ou A Peneira. A cabeceira Galicia Hoxe achegaba dende o ano 2003, información diaria en galego e amosou dende os seus comezos o seu compromiso coa defensa do idioma e a cultura deste país.

Por esta razón, apelamos á responsabilidade da Xunta de Galicia e de todas as administración públicas para que poñan de manifestó o seu compromiso claro e efectivo para que o idioma propio de Galicia non desapareza definitivamente das cabeceiras impresas galegas e que apoien a aqueles medios que contribúen a unha maior pluralidade informativa no mapa mediático galego.

27/06/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión