Poetas

María Xosé Lamas.-

Dedicado a Rafa Yáñez

Din as profanas linguas que na Chaira se dás un couce a unha pedra,  saen ducias de poetas coma se de  coscos ou formigas se tratara. Dino con certo desprezo, xa que somos considerados uns “iluminados” cuxa obra carece de significado e importancia e non serve na praxe para nada, curiosamente alimentando o paradoxo dunha opera non operativa.

Dende que a nosa lingua recuperou a súa literatura, moita xente, minimamente instruída na maioría dos casos, utilizouna para producir arte coma os pintores as cores ou os escultores as diferentes materias. Non podemos esquecer que de todos os xéneros literarios é precisamente a poesía a que cumpre por excelencia a función estética da linguaxe.

Os e as poetas somos persoas sensíbeis, é certo, pero tamén comprometidos dende o punto de vista social e cultural. A parte da estética, a poesía serviu en moitas ocasións para reivindicar dereitos e denunciar feitos sociais reprobábeis que doutro xeito ficarían agochados. Se ollamos de preto a obra literaria de calquera poeta, decatámonos de que nalgunha época do seu percorrido escribiu poesía social, aínda que o seu estilo particular e a temática na que se encadre dita obra diste de ser cualificada por enteiro con este adxectivo.

Doutra banda, e deixando a parte a música instrumental como medio de comunicación ou feito ritual nas súas orixes, as súas primeiras manifestacións foron vocais. As cantigas, tanto profanas coma relixiosas, precisaban de letra. Unha letra que contara e cantara sentimentos e feitos acontecidos saída da verba do poeta, aínda que se chamara trobeiro, trovador ou meistersinger. Así, podemos afirmar que a música a través da súa historia fixo uso da arte poética para o seu desenvolvemento até os nosos días.

Todo o devandito xustifica a importancia da poesía e dos poetas, aínda que ignorásemos outras múltiples razóns que só recalcarían a necesidade da súa existencia.

Por que a Terra Cha é tan prolífica en poetas? Non o é moito máis que outras comarcas do país. Acaso teñamos a avantaxe de que dende sempre houbo xentes preocupadas pola cultura que indagaron sobre a vida e obra dos poetas e as sacaron á luz conservándoas vivas para o seu coñecemento e recoñecemento. Acaso porque os medios de comunicación, comarcais sobre todo, das distintas épocas sempre estiveron abertos aos poetas e foron receptores e emisores da súa obra. Como exemplo, mencionar a prensa de Vilalba de comezos do século XX ou xa máis recentemente revistas escolares, cadernos e revistas do IESCHA,  a revista poética de Xistral,  Terra Cha.Xa, incluso medios dixitais de fervorosa actualidade como A Voz de Vilalba ou Galicia dixital, sen esquecer as distintas asociacións culturais da nosa bisbarra. Agardemos que no futuro  sigamos a contar con todos eles, persoas e medios, para seguir agasallando aos lectores coas nosas creacións artísticas.

Nestes días o IESCHA vai presentar un poemario, Da Chá ao lonxe… de RafaYañez, un dos poetas  máis novos da actualidade literaria chairega e galega. Dende este artigo, a el dedicado, convídovos a asistir ao acto que terá lugar o venres día 3 de xuño ás 20:30 horas no Centro Cultural ….e non esquezades que os  e as poetas somos necesarios!

01/06/2011

1 comentários :

Danos a túa opinión