A Enciclopedia do Camiño, Premio Apecsa 2011

Redacción.-

A Gran Enciclopedia do Camiño de Santiago. Dicionario da Cultura Xacobea, editada por Bolanda e dirixida por Manuel F. Rodríguez, recibiu o Premio Internacional 2011 da Asociación de Xornalistas e Estudiosos do Camiño de Santiago (Apecsa). O galardón distingue o mellor traballo de difusión e promoción vinculado ao mundo xacobeo e realizado no ano anterior a cada convocatoria.

O xurado designado pola asociación valorou á hora de elixir a Gran Enciclopedia do Camiño de Santiago o "alcance do primeiro gran proxecto enciclopédico sobre a cultura xacobea" e "o seu impulso divulgador do coñecemento do fenómeno xacobeo e de proxección de futuro dos Camiños a Santiago".

O xurado fixo mención especial tamén á Guía do Camiño de Santiago no iPhone, de Eroski Consumer "pola importante divulgación do mundo xacobeo nas novas aplicacións tecnolóxicas" e ao proxecto de descubrimento, recuperación e proxección da Flor de Santiago como símbolo xacobeo, de Ruth Varela, Miguel Anxo Fernán Vello e Pablo Carreño.

O premio, sen dotación económica, consiste nunha obra do escultor Luís Loureira e un diploma acreditativo e entregarase no curso dun acto público que se celebrará en próximas datas no Hostal dos Reis Católicos de Santiago, marco xacobeo por excelencia xa que foi hospital de peregrinos durante séculos.

Editada por Bolanda Edicións e dirixida polo xornalista Manuel F. Rodríguez, máis de sesenta autores, investigadores e especialistas de diferentes nacionalidades participaron na realización deste proxecto editorial, do que o xurado estimou "o seu afán enciclopédico e a súa vocación divulgativa".

Premio Apecsa
Este recoñecemento foi instituido pola Asociación de Xornalistas e Estudiosos do Camiño de Santiago, formada por profesionais da comunicación, escritores e historiadores, para difundir e potenciar todo o referido aos camiños a Santiago e ao universo xacobeo. A xunta directiva decidiu dedicar esta primeira edición a Victor Manuel Vázquez Portomeñe, artífice, como conselleiro da Xunta de Galicia, do Plan Xacobeo 1993, que contribuíu a difundir a gran escala os valores seculares do mundo xacobeo e abriu un camiño continuado en anos posteriores.

Gran acollida da Enciclopedia do Camiño
A obra, da que se venderon miles de exemplares en España, Europa e resto do mundo, non ten precedentes, xa que por primeira vez na historia recóllese o xigantesco patrimonio relacionado co Camiño de Santiago desde un punto de vista europeísta e nunha única obra estruturada alfabeticamente.

Por iso o deán da catedral de Santiago cualificou a obra como "un novo Códice Calixtino" e, do mesmo xeito que o arcebispo de Santiago, destacou o intenso traballo de investigación, tanto á hora de recompilar datos históricos como actuais, e estruturalos de forma que calquera consulta resulta rápida e sinxela. Tamén o Papa Benedito XVI encomiou a Gran Enciclopedia do Camiño de Santiago tras recibila no Vaticano o pasado mes de outubro de mans do seu director, Manolo Rodríguez, e o seu editor, Antonio Couto.

A Gran Enciclopedia do Camiño de Santiago reúne en 18 volumes, 3.000 entradas e case 4.000 páxinas, todo o relacionado coa cultura xacobea: personaxes históricos e de lenda, peregrinos, todos os camiños e as súas poboacións, tradicións, así como o inmenso patrimonio que atesouran as diversas rutas e que motiva aos millóns de peregrinos que cada ano realizan esta viaxe física e espiritual convertido xa en Patrimonio da Humanidade.

29 de xuño de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión