Queridos mestres, dous puntos

María Xosé Lamas.-

Achégovos esta carta, aínda que sei que non a agardades, porque quero ser xusta e agradecervos a vosa dedicación, atencións, formación e ensinanza, sen as cales non sería hoxe o que son: unha persoa.
Vós sodes das últimas xeracións de mestres que vivistes a profesión con dificultades, gañando catro perras gordas e en lugares de “difícil desempeño” , onde á precariedade de medios había que xunguir moitas veces a distancia e a soidade.

Sodes dos que ensinastes nas vetustas unitarias, moitas delas escolas habaneiras, construídas ao pé das igrexas e dos adros, pero afastadas anos luz entre elas, incomunicadas, só malamente cunha administración vertical a través de oficios con póliza. Illadas e masificadas con oitenta almas ás que atender.

Sodes dos que tiveron aínda que renunciar á súa ideoloxía para poder traballar dentro dun sistema educativo que instruía máis que formaba e que adoutrinaba máis que ensinaba. E, a pesar das circunstancias, fostes capaces de adecuarvos a todas as reformas institucionais habidas e por haber de xeito eficaz e operativo, reciclando saberes e adoptando metodoloxías vinculadas ao veloz desenvolvemento tecnolóxico.
Sodes dos que asumistes o novo papel da escola como axente socializador por excelencia que antes sustentaban as familias, sen queixas, como feito necesario, pensando máis no alumnado que en vós mesmos, substitutos dos pais en tantas ocasións e aspectos.

Sodes os que primeiro deixastes de transmitir vellos coñecementos que perpetúan a sociedade usando didácticas para innovala, formando espíritos críticos e creativos, ofrecendo os instrumentos necesarios para a autoaprendizaxe, a autoestima e a formación de tantas personalidades como individuos.

Grazas, pois, Juan Carlos, Olga, Ines, Tino, Isabel, Mati e Chema por todo o antedito e moito máis ao que non aludo, pero que tantos e tantas apreciamos como alumnos/as e compañeiros/as. Podedes sentirvos orgullosos/as da vosa andaina profesional e vital.

Apertas!

5 de xuño de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión