Typewriter. A historia escrita a máquina

Redacción.-

En plena era dixital, as máquinas de escribir pasaron a ser case reliquias que nos retrotraen a épocas máis románticas nas que literatos, guionistas, xornalistas ou oficinistas traballaban entre carretes de cinta, líquido corrector e o entrañable son que se producía ao teclear nas súas inseparables máquinas, cos dedos manchados de tinta. Agora, convidámosvos a reflexionar sobre cal foi o papel da máquina de escribir na configuración da nosa historia contemporánea e de como a súa evolución naceu da necesidade de comunicación do ser humano.

Esta exposición é unha homenaxe á radicalidade e eficiencia que achegou a máquina de escribir na aceleración do ritmo das comunicacións e as relacións sociais e que supuxo unha revolución para o mundo gráfico e profesional en xeral.

A Colección Sirvent, de onde provén este significativo legado que expomos, dispón dunhas 3.500 máquinas de escribir, das cales 2.500 están preparadas para o seu normal funcionamento grazas a unha restauración moi rigorosa. Para esta exposición seleccionáronse máis de 120 unidades que representan o máis destacado da historia universal das máquinas de escribir. A mostra complétase con algunhas intervencións site-specific de artistas contemporáneos, unha significativa selección de carteis publicitarios, caixas orixinais de cintas de escritura e outros instrumentos, tales como protectores de cheques, afialapis, fotografías e métodos curiosos de mecanografía.

Propomos un percorrido cronolóxico que comeza coa emblemática Sholes & Glidden (1873), coñecida mundialmente como The Typewriter. Foi a primeira máquina de escribir producida comercialmente e que traballaba unicamente con maiúsculas, unha ferramenta que se subministraba cunha mesa que nos lembra as das máquinas de coser, así como a súa primeira decoración. Outras como a Crandall-New Modell (1884) descóbrennos decoracións en ouro e nácara, e empregan un cilindro impresor en vertical.

Tamén atopamos teclados, anagramas e máquinas americanas con marca e teclado ruso, como a clásica Underwood n.º 5 (1901).

Curiosas son tamén outras máquinas como a alemá Thürey (1909), que se asemella a un instrumento musical e da que só se coñecen cinco en todo o mundo, porque foi de escasa fabricación; a Brooks (1887), que imprime de atrás cara a adiante; a Polygraph (1903), unha das máis buscadas por coleccionistas de todo o mundo e que en teclado curvo só se fabricou no modelo aquí presentado; a ODELL (1888), de base redonda, cuxo primeiro modelo que presentamos é o único que se fabricou con catro pés con forma de garra ou a Columbia (1885), que utilizou un sistema de espazado proporcional que establecía o espazo segundo o tamaño da letra.

Aquí encontramos máquinas de escribir normais, de escribir música, de taquigrafía (estenotipias), de escritura en braille, de escribir sobre superficies planas, de xoguete, de escritura encriptada para espías, de abecedario xaponés ou árabe, máquinas con símbolos da S.S. etc. Todo para entender, ilustrar e contextualizar a evolución do procedemento mecánico da escritura, partindo de que a máquina de escribir lles outorgou un carácter máis oficial e rigoroso aos escritos, ao tempo que supuxo tamén un paso importante para o ingreso masivo da muller no mundo laboral, como dactilógrafa.

A exposición complétase coa intervención de catro artistas contemporáneos: tres españois, Misha Bies Golas, Jorge Perianes e Ignacio Uriarte, e o portugués José Lourenço.

Typewriter. A historia escrita a máquina é, en definitiva, unha fascinante historia sobre a evolución do procedemento mecánico da escritura.

Comisarios: David Barro e Alfredo Sirvent
Organiza: Cidade da Cultura de Galicia
24/06/2011
09/10/2011

De 8:00 a 14:30 h e de 16:00 a 20:00 h.

23 de xuño de 2011

2 comentários :

  • Na Terra Chá, temos un dos mellores coleccionistas de máquinas antigas de escribir. Ten centos, de distintos países, e algunhas son verdadeiras xoias (de primeiros do século pasado). O coleccionista é Francisco Balado, que traballa na Notaría de Castro de Rei. Sería interesante un artigo sobre esta colección.

    19:38 do 23 de xuño de 2011

  • Este tipo de exposicións forman parte da historia máis actual, a nivel internacional, a gran esquecida "na vella Europa" como din os norteamericáns, pero sen lugar a dúbidas é a historia das nosas vivenzas. Moita xente aprendeu a manexar estas máquinas antes que un ordenador e o cambio dunha máquina a outra é máis drástico que o cambio do pergamino o papel que revolucionou o arquivo medieval.

    21:01 do 24 de xuño de 2011

Danos a túa opinión