Unha aposta arriscada

Iago Castro.-

O Centro Dramático Galego fai unha aposta arriscada, e iso xa é unha boa nova. Levar á escena un texto complexo como Die Dreigroschenoper, traducido aquí e agora como A Ópera dos Tres Reás, é un exercicio de absoluta madurez e o resultado, desde o punto de vista técnico, ven confirmar o alto nivel da escena galega. Unha boa factura, bastante correcta. Nada menos, nestes tempos de recurtes, pero tampouco nada máis.

Die Dreigroschenoper, Brecht, Weill… palabras maiores. A obra, estreada na Alemaña de Weimar, é un completo disparate pese a que chegou a acadar un carácter case canónico, poñendo no punto de mira á burguesía mediante o recurso de encarnar as súas miserias no lumpen londinense da era victoriana. Asasinos, chulos, putas e mendigos son o trasunto de banqueiros, financeiros e comerciantes, delincuentes legais e amparados polo sistema. A peza require, pois, unha certa lectura canalla e transgresora, máis alá dunha posta en escena formal, e aínda máis nestes tempos de desbaraxuste e indignación.


Poderíase agardar do tándem Tosar-Cadaval un auténtico terramoto escénico, e iso probábelmente é o que ía buscar o público que abarrotou o Auditorio de Galicia os catro días de representación. O certo é que non houbo tal cataclismo. E é certamente desconcertante: Mackie Messer é sen dúbida unha personaxe ben acaída para o de Cospeito quen, porén, ofreceu un protagonista plano, sen matices e sen emoción. Éis a liña xeral desta montaxe. Correcta, traballada, un boa parte musical, fidel ao texto orixinal… pero falta de chispa, unha miga deslabazada… un pouco “tostón”, se me permiten.


Non digo que non haxa que vela, por suposto. Aínda que xirará máis por España (Madrid, Zaragoza, Salamanca, Sagunto, Madrid, Pamplona, As Palmas), hai ocasión para asistir aínda en Ferrol (2 e 3 de xullo), Pontevedra (8 e 9 de xullo), A Coruña (16 e 17 de setembro), Ourense (23 e 24), Vigo (27 e 28) e no Pazo da Cultura de Narón (30 de setembro e 1 de outubro). É unha ocasión única de ver todo un clásico do teatro europeu, aínda que non nunha das súas mellores versións.

29/06/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión