Ben perdido o Códice Calixtino

Ramón Chao.-

Cando queimaron viva a Xoana de Arco na Praza do mercado de Ruán, en 1431, os xuíces ordenaron que se botasen as súas cinzas ao Sena para evitar que se convertesen en reliquias. Con todo, en 1867, os dereitistas franceses exaltaban o patriotismo da Doncela de Orleáns ; por oportuna casualidade atopouse unha vasixa no faiado dunha farmacia da Rue du Amorne, en París, cunha inscrición en caracteres do século XVII :"Restos achados na fogueira de Juana de Arco." Fíxense, descubríronos trece séculos despois da incineración de Xoana e do esparexemento dos residuos.

A diocese de Chinon, propietaria da vasixa, decidiu someter os restos a unha análise científica cuxos resultados resultan sorprendentes. No receptáculo atoparon: unha costela humana ennegrecida, unha pata de gato e un anaco de lenzo, mostra de que o corpo fora amortallado. O carbono 14 indica unha datación que oscila entre os séculos VII e III antes de X.C. A presenza do fémur do gato explícase pola tradición exipcia de inmolar a estes felinos, animais sacros, para acompañar aos mortos. E a Doncela pereceu dez séculos despois.

Pouco se sabe da vida do apóstolo Santiago. Só que era fillo de Zebedeo, irmán de Juan e un dos discípulos de Cristo. Hai unha referencia esencial en canto á súa morte: foi decapitado por orde de Agripa, rei de Xerusalén, ao redor dos anos 42-43. A humanidade estivo sen noticias de Santiago até que en torno ao 820 ou 830 ao bispo de Iria Flavia ocorréuselle dicir que os restos de Santiago estaban en Compostela. Así, tamén por patriotismo anti musulmán, creouse a inventio, e fundouse a sede apostólica de Compostela.

Algo semellante sucedeu co chamado santo sudario de Turín. O propio episcopado nomeou unha comisión científica para estudar a súa autenticidade. E como son intelixentes, revelaron eles mesmos os resultados: a face do lenzo non é de Xesucristo, senón que data de dez ou doce séculos despois. Non pasou nada : os crédulos seguen a adorar a falsa reliquia.

En 2000 celebramos un debate sobre este asunto na televisión galega Alfonso Sobrado Palomares, presidente da axencia EFE, Fernando Ónega, o conselleiro Portomeñe e un servidor: todos galegos. Eu defendín a miña tese: É imposible que os ósos de Santiago estean na catedral, e probable que sexan de Prisciliano. Entón o conselleiro sóltame: "Ti ou que queres é meter na catedral a un xudeo", o que revela unha mentalidade sospeitosa. Contesteille que eu quixese que estivese quen lle corresponde, e se é galego mellor. Xesucristo e Santiago eran xudeus, aí están e ninguén se racha as vestiduras.

O asunto do Códice Calixtino é ridículo. Non, non é incunable e causou un dano irreparable a Galicia e a Europa. Escrito no século XII, os seus autores permítense contar a historia desde o século IV para ensalzar a Carlomagno e á orde de Cluny, o seu brazo armado. Eles apropiáronse da realidade histórica de Prisciliano e erixiron en heroe a Santiago Matamouros, que xamais pisou o chan da Península Ibérica.

O que esiximos algúns é que se aplique o Carbono 14 a eses restos: Se datan do século IV poden pertencer a Santiago, e descártase a Prisciliano. Se do século IV, poden ser de Prisciliano e de ningún modo de Santiago.

29/07/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión