A decisión de Eco

Mario Paz González.-

As boas historias, e non me refiro só ás novelas, son aquelas cuxa trama é capaz de envolvernos, de seducirnos “co seu poder de persuasión” –que diría Vargas Llosa–, de secuestrar a nosa vontade até obrigarnos a abandonar aquilo que esteamos a facer simplemente para coñecer algo máis do que alí se conta. Pero as boas historias, a estas alturas todos o sabemos, non son só os feitos narrados, senón tamén o modo en que chegan aos seus receptores, as palabras ou as imaxes –no cómic, o cinema e a televisión– que sustentan a trama, que forman con ela un todo único e indivisible que fai que a historia, precisamente para ser boa, necesite dese, e non doutro, apoio.

Quizais por iso sorprende tanto a recente decisión de Umberto Eco, anunciada hai uns días na prensa, respecto da súa novela O nome da rosa. Segundo parece decidiu alixeirar a trama e desposuíla de boa parte do seu rico caudal de erudición para así achegala aos lectores máis novos.

Sen poñernos “apocalípticos” –aínda que sen ser totalmente “integrados”, por parafrasear ao propio Eco–, aos que no seu día nos subxugaron as aventuras de frei Guillerme de Baskerville e o seu fiel acompañante Adso de Melk, sorpréndenos a xustificación do propio autor alegando que, xa que se trata da súa primeira obra, é probablemente a peor. Así que se cadra ámbolos dous grupos, tanto os apocalípticos como os integrados que deron a súa opinión estes días nos medios, teñan o seu punto de razón.

Os primeiros sosteñen que a decisión de Eco non é máis que outro reflexo da decadencia do lector como individuo capaz de realizar un esforzo que implique unha superación persoal, á hora de achegarse a unha obra artística, que o levaría cara a un maior crecemento intelectual. Para estes o sucedido agora con O nome da rosa non é máis que unha baixada de pantalóns ante a facilidade xeral das lecturas contemporáneas, rendidas á vulgaridade de best sellers, malamente documentados e peor escritos que, pasado o seu momento editorial, mergullaranse no máis profundo dos esquecementos. Dálles a razón, tristemente, o feito de que nos plans de estudos de ensinos medios, e aínda superiores, renúnciase cada vez máis aos autores clásicos pola súa suposta dificultade, substituíndoos cada vez máis a miúdo por obras de fácil dixestión co gallo de motivar cara á lectura a un maior número de lectores. Coma se cantidade equivalese a calidade. Coma se houbese algo de malo en ler a eses autores que serían imprescindibles en determinadas etapas do noso desenvolvemento intelectual. Neste sentido deberiamos lembrar as suxestións doutro italiano, Italo Calvino, de por que ler aos clásicos.

Pola súa banda, entre os integrados suxírese –e así o manifestaba Quim Monzó hai uns días en La Vanguardia- que moitos de nós accedemos aos autores clásicos, na nosa aprendizaxe como lectores, a través de versións simplificadas, ou mesmo adulteradas ou amputadas das súas partes máis áridas e fastiosas, adaptadas, en calquera caso, non só como texto, senón tamén a outras linguaxes como a do cómic ou a cinematográfica sen que iso supuxese un menosprezo das devanditas obras. Máis aínda, poderiamos engadir, ás veces a revisión foi tan orixinal que deu lugar a unha obra case totalmente nova, moi diferente do clásico no que se inspira. Penso, por exemplo, na adaptación realizada por Alessandro Baricco –e van tres italianos– da Ilíada de Homero. A diferenza principal estribaría agora, no caso de Eco, en que sexa o propio autor, e non outro, quen adapte o orixinal. O verdadeiro propósito que se oculta tras isto, se o houber, é difícil coñecelo. Preténdese só achegar a obra ao público máis novo e menos lector?, ou, se cadra, hai un secreto temor de caída no esquecemento dada a dificultade do libro orixinal que é, por outra banda, o máis universalmente coñecido do seu autor? Se isto é así, sen dúbida Eco sería consciente de que obras moi complexas ou cunha linguaxe máis escura ou menos dixerible pasaron ao esquecemento fronte a outras que foran escritas cunha linguaxe máis clara, ata tratándose, en ocasións, dun mesmo autor. E se non me cren, que levanten a man aqueles que lesen as obras latinas de Petrarca –cuarto e derradeiro italiano citado– fronte aos que coñezan o seu marabilloso Canzoniere. Ou o Labirinto de Fortuna de Juan de Mena fronte ás Coplas de Manrique ou as Cantigas de Alfonso X.

A estas alturas da polémica, hai quen suxire que, se de achegarse aos máis novos ía o asunto, podería ter feito un videoxogo que probablemente ía ter máis tirón que a versión que coñeceremos en outubro. Doutra banda, os que xa lemos O nome da rosa dificilmente relerémola nesa versión reducida –a vida é demasiado curta e hai outras lecturas pendentes–, mais con todo, e a fin de facilitar o traballo á posteridade, só restaría deixar unha pregunta no ar. A partir de agora, cal das dúas versións da novela poderá considerarse a canónica, a orixinal xa coñecida ou esta nova simplificada?

30/07/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión