Economía e patrimonio

Paulo Naseiro.- 

Vai para uns poucos anos, un activo grupo de defensa do patrimonio despregou unha intensa campaña a prol da herdanza cultural e paisaxística da Terra Cha, que tivo como símbolo a demanda de evitar o esfarelamento da torre da Cal da Loba.  De aquela iniciativa, que contou co apoio de amplos sectores da poboación chairega, a penas nada queda, senón que as cousas seguen exactamente igual ca estaban, e non deixa de chamar a atención a desidia das distintas administracións públicas ante o tema.

Deixando de lado argumentos de tipo histórico, relixioso, ecolóxico ou sentimental, sen dúbida importantes dado que constitúen os elementos que unen a experiencia vital do home coa súa paisaxe, algunhas consideracións de orde meramente utilitarista deberían facernos reflexionar acerca da necesidade dunha política activa de defensa patrimonial e medioambiental.

A evidente crise dun precario modelo agrogandeiro que agoniza a falta de alternativas suscita o interese por outras actividades xeradoras de riqueza económica, sobre todo en comarcas como a Terra Cha, nas que a caída da economía agraria non se viu compensada coa implantación de estructuras industriais ou de transformación, ou de servizos non ligados á producción agropecuaria. Así, nas dúas últimas décadas, agromaron moitas iniciativas ligadas ao desenvolvemento do turismo rural, ben apoiadas por xenerosas axudas públicas. A falta de sol e praia, esta oferta turística vende natureza verde, historia, patrimonio, cultura, paz e tranquilidade... É dicir, non abonda con ofrecer cómodo aloxamento e boa comida, senón que é preciso un bo catálogo de actividades relacionadas, entre outras cousas, coa etnografía, a cultura tradicional, ou o deporte de aventura.

A conservación do patrimonio, no sentido máis amplo da palabra, cobra pois unha grande importancia na xeración de riqueza ligada ao turismo de calidade. Bo exemplo disto é posta en marcha dun spa nas proximidades da Charca do Alligal de Codesido, froito sen dúbida da sona deste manancial ao que nunca lle demos demasiada importancia e que se chegou ata nós non foi grazas ás ocorrentes intervencións das que foi obxecto, a última das cales a converteu nun mero aparcamento asfaltado.

Dende este punto de vista, igrexas, cruceiros, petos de ánimas, soutos e carballeiras, pazos e torres, ríos e lagoas son activos patrimoniais que non cabe desperdiciar senón que, pola contra, deben ser obxecto dunha coidadosa intervención que, sen descontextualizalos, os preserve para o futuro.

E dicimos unha coidadosa intervención non de forma gratuíta. A desafortunada ampliación do parador vilalbés, que asociou á torre da homenaxe o horríbel edificio construído nun estilo entre hotel barato de estrada e pastiche medievalizante é sen dúbida un exemplo do que non se debe facer.

Se se quere que a aposta polo turismo teña futuro, é tempo entón de frear un deterioro patrimonial que avanza imparable, de estudiar e recuperar a nosa cultura material e espiritual, de crear unha conciencia que respete o medio ambiente. E agora, que aínda é tempo.

21/07/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión