XXI Liga Galega de Bandas de Gaitas

Redacción.-

Vilalba acollerá o vindeiro fin de semana, 30 e 31 de Xullo de 2011, a Fase Final da XXI Liga Galega de Bandas de Gaitas, organizada pola Asociación Galega de Bandas de Gaitas.

A Área Recreativa “A Madalena” é o lugar elixido pola organización para a celebración desta Fase Final, onde se esperan 38 Bandas procedentes de toda a Península Ibérica.

O sábado 30 de Xullo, as Instalacións para o público abrirán ás 16:30 horas, pero non será ata as 18:30 cando comecen a soar as Bandas de Gaitas do 4º e do 3º Grao. A entrega de premios terá lugar ás 21:00.

O domingo 31 de Xullo tócalle o turno ás Bandas de Gaitas do 2º e do 1º Grao, que farán as súas actuacións pola mañá, dende as 10:30 ata ás 14:00. Posteriormente terá lugar a entrega de premios e a clausura do acto.

A diferencia da Primeira Fase celebrada en Pontevedra no mes de Abril, onde as Bandas realizaban a súa intervención sobre un Escenario; nesta Fase Final, en aberto, as Bandas participantes deberán comezar as súas actuacións desfilando en filas e colocarse ao redor de tres círculos. Ademais, un total de 12 xuíces valorarán e puntuarán todas as bandas nos apartados de Conxunto, Afinación, Gaita, Percusión e Estética.

A organización do evento, no que se decidirán as mellores Bandas de Gaitas dos 4 Graos da Tempada 2010/2011, preparou bancadas e unha pantalla xigante para que todo o público que se queira achegar poida ver as bandas con maior comodidade.

Esta Fase Final está organizada pola Asociación Galega de Bandas de Gaitas, e coa colaboración de AGADIC, Xunta de Galicia, “2011 Ano da Música”, Pescanova, Deputación de Pontevedra, Deputación de Ourense e o Concello de Vilalba.

Na páxina web da AGBBGG (www.agbbgg.com) dispoñen de máis información sobre o evento (Horarios Detallados, Regulamento da Competición, Xuíces, Premios...)

29/07/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión