Aristocracia cultural

Xulio Xiz.-

Eu son dun pobo de clase. De clases. Que en Vilalba o das clases estaba
moi marcado, social e mesmo xeograficamente.

Bernardo García Cendán, o fillo do Severino, o barbeiro da Praza, ten dito
que existía en Vilalba un pequeño mundo que abarcaba a praza mesma e
algunha rúa coma a do Sol. E que cando tiñan que ir á carretera, vestían e
calzaban de xeito diferente, porque tamén era ir a un sitio diferente. Dúas
clases diferentes.

Pero eu era da Porta de Cima, que agora sabemos que é por onde pasou desde
hai séculos o Camiño do Norte a Compostela. Nós, cando íamos á Praza,
sabíamos que entrabamos nunha dimensión diferente. Tres clases, pois, na
que a miña era a máis humilde.

Non é extraño que os rapaces do meu tempo e anteriores organizasen
combates con toda clase de armas para dirimir diferencias de clase, de
barrio, de rúa, a cada dous por tres. Eu nunca participei, e non porque
fose pacifista –que algo medoso sempre fun- senón porque na miña casa había
unhas normas ríxidas e eu sempre fun home de orden.

Bromas aparte, e tiveran as nosas clases consideracións xeográficas ou as
máis aceptadas sociais e máis económicas, o certo é que Vilalba, como todas
as vilas e pobos, tiña naqueles remotos tempos de mediados do século pasado
unhas liñas moi difíciles de traspasar, marcadas pola orixe, pola
profesión, polos “posibles” económicos, pola familia, pola conducta, polo
que todos sabemos que marca a unha persoa no medio de todos os demais.
Non é que se poida falar de aristocracia naquela Vilalba tan lonxana. Pero
si hai que falar de xentes pertencentes a moi diferentes estratos sociais
que, ó ter unha “densidade” diferente, nunca chegaban a mesturarse cunha
cohesión permanente.

Ata que a Academia Santa María fixo das súas. A Academia déunos a todos os
presentes e a moitos centos de rapaces máis a posibilidade de igualarnos
por un superior raseiro coas clases privilexiadas. Situou a Vilalba a
altura dos pobos máis destacados da provincia en canto a ensino de
calidade, de xeito que no Instituto lucense se consideraba que os rapaces
máis preparados da provincia de Lugo viñan do Colexio Muinelo de Taboada,
do Colexio a Asunción de Sarria, e da Academia de Vilalba.

E se de portas a fóra elevou o nivel de Vilalba á altura dos pobos onde se
vivía a Cultura cunha formación moi destacada, de portas adentro, na mesma
Vilalba, conseguíu a formación dunha clase diferente: a das rapazas e os
rapaces que estudiábamos na Academia. Os da Academia. Clase aparte.
E foron pasando os anos, e saíndo promocións de rapaces que iamos a Lugo
examinarnos por libre nos Institutos, compartindo aulas cos máis folgazáns
dos alumnos oficiais que ó non aprobar o curso no seu momento tiñan unha
última oportunidade canda nós. E moitos acudimos a Maxisterio, que tamén se
podía facer por libre, e era a única carreira á que moitos de nós podíamos
aspirar, chamando a atención daqueles vellos profesores pola formación que
Don Daniel e dona Chari, Don Adolfo ou don Cándido, Don Antonio ou Dona
Carmen Peña nos inculcaban “manu militari”, e mesmo Don Francisco-O Recho,
con “sangue, suor e bágoas”.

Entre todos aqueles profesores, co Paz como complemento directo,
colaborador imprescindible, vixiando estudios ou comportamentos, con todos
nós, formábase a Academia. E a Academia fixo de nós homes e mulleres de
proveito, aristócratas nun ermo cultural, membros dunha nova clase da que
debemos ser conscientes, e pola que debemos estar agradecidos todos os días
da nosa vida.

Medio século despois, xuntámonos anualmente numerosos resistentes daquela
guerra, veteranos de mil batallas. Para, por encima de todas as barreiras,
sabernos vivos, conscientes do noso protagonismo na historia da cultura
vilalbesa. Por encima de todas as enrugas, dos naturais achaques que o
tempo vai producindo en nós, dos problemas que a vida nos vaia
proporcionando, sempre nos quedarán eses imborrables recordos que marcan a
lume por ser os primeiros, froito dun tempo no que todo era posible, froito
dun lugar que hoxe nos parece mítico por lonxano... Por encima de todo, un
día de cada ano somos unicamente antigos alumnos da Academia de Vilalba,
veteranos resistentes dunha milicia gloriosa, aristócratas convencidos de
que connosco Vilalba cambiou coma da noite ó día, porque se coa democracia
Vilalba veu florecer colexios e instituto, nós somos a avanzadilla... Ben
mirado, a democracia en Vilalba comezou con todos nós, cando mesturando
todas as clases sociais existentes xurdiu unha nova clase, unha clase de
aristocracia cultural, que se algunha aristocracia hai válida é únicamente
esta.

Daniel Ferreiro, vello e querido profesor, decíanos a comezos dos sesenta
unha frase que daquela non entendíamos ben de todo: “Llegará el día en que
la riqueza de una persona no se mida por sus propiedades ni por el dinero
que lleve en su bolsillo, sino unicamente por su cerebro”.

Vendo as realidades do mundo que nos rodea, puidera pensarse que o
prognóstico do querido profesor aínda non se cumpre. Pero si o pensamos
ben, veremos que si. No mundo, por riba de todo, á larga, o que vale dunha
persoa, o que queda dunha persoa, mesmo despois da súa morte, é o seu
talante, os seus coñecementos, os seus feitos. E despois o seu recordo, a
súa memoria. E por fin, o agarimo que conseguira despertar nos seus, no
sentido máis amplo dese posesivo.

Nós, todos nós, somos a demostración –¡aristócratas culturais nacidos ó
mundo na Academia de Vilalba!- de que a Academia de Vilalba fixo historia,
e que o seu paso por ela marcounos, afortunadamente, para sempre.


(Lido o luns, 29/8/2011, na Xuntanza anual dos antigos alumnos da
Academia de Vilalba).

30 de ago. de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión