Comunicar en galego

Redacción.-


Vieiros, A Nosa Terra, Galicia Hoxe, A Peneira, Xornal de Galicia... a relación de medios de comunicación na nosa lingua que van desaparecendo é, cando menos, alarmante, e debería constituír unha chamada de atención para unha sociedade que parece non reaxir ante a progresiva retirada do galego nos espazos de comunicación social.

Hoxe comunicar en galego semella unha actividade de alto risco, e isto representa unha forte contradición co estatus aínda maioritario da nosa lingua na sociedade galega. Parece evidente que viramos as costas ás iniciativas que trataron, nos últimos trinta e cinco anos, de normalizar o que debería ser normal: a presenza da lingua do país nos seus voceiros.

Non é allea a este panorama a incuria das administracións á hora de cumprir co mandato estatutario de fomentar o uso do idioma propio de Galicia. Pola contra, resulta case obsceno o continuo trafego de axudas e subvencións que manteñen mediante unha especie de respiración asistida un sistema de comunicación que, a
cambio, é escasamente crítico co poder, renunciando así a unha das características fundamentais da prensa libre.

Xunto a este panorama non podemos pasar por alto o declive da prensa tradicional, que como é lóxico bate primeiro nos medios das culturas máis minorizadas. É por iso que, nunha época na que a prensa de máis difusión non escapa da crise, con máis motivo os medios escritos nas linguas non dominantes precisan dun duplo esforzo por adaptarse á era dixital.

Cómpre, pois, ir configurando novos proxectos de comunicación en galego atractivos para o seu público, non dependentes de axudas públicas e, por tanto, independentes e críticos, e o suficientemente innovadores para adaptarse ás novas demandas da sociedade dixital. Éis o noso reto.

31 de ago. de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión