Ás veces dá noxo!!

María Xosé Lamas.- Dá noxo escoitar voces alleas á nosa realidade. Demagoxia pura e dura… sen senso nin cor. Aínda apenas esperta, poño a radio. RNE de Galicia, desta volta: entrevista ao conselleiro de Educación, Xesús Vázquez. As típicas preguntas. Como se presenta dende o punto de vista político o curso escolar que agora dá comezo; que hai das protestas do profesorado en canto ao aumento do horario de atención ao alumnado; que hai das bolsas para libros gratuítros….???
Unha voz amábel contesta dende o outro lado da liña. Todo perfecto! A consellería responde polas súas decisións – tomadas como todos sabemos en tempo de vacacións, para que non os atrape a indignación- sobrias e con recortes orzamentais: todos sabemos que estamos en crise….En crise! Claro. Como non había de ser unha desculpa perfecta para uns recortes tan desexados pola súa parte! Iso si, non irá nunca en detrimento da mellora da calidade do ensino…!
Pois, para comezar, señor conselleiro, hai moreas de accións nas que “recortar” sen ter que tocar aos orzamentos de educación. Pense vostede só na cantidade de “programas educativos” –entre moitas aspas– que vostedes a cotío realizan espallando arrogancia sen senso común e que nunca son nin serán operativos por falta de perspectivas realistas. Pense na cantidade de propaganda da que fan uso gastando porcentaxes impensábeis de cartos que moi ben podían estar destinados a actividades máis produtivas… Pense!!! E déixese de parvadas! Temos, os que traballamos verdadeiramente no ensino, saturadas as nosas mesas de proxectos inservíbeis, produto de mentes ociosas, sen os pés na terra. E a nosa realidade cotiá é outra, moi distinta; e os nosos obxectivos, moi diferentes e centrados sempre nun alumnado ao que vostedes non teñen nunca en conta. Énchen a boca coa palabra “sociedade”, o que ela precisa, segundo vostedes coidan… Pero, perdoe, están moi lonxe de coñecela. E a tan nomeada “mellora da calidade do ensino” en aras á que din que vai enfocado o aumento de horario de atención ao alumnado que impuxeron sen negociar, coma sempre…?
Señor Vázquez, as tarefas do profesorado para co seu alumnado distan moito das que vostedes queren impor taxativamente. A quen queren enganar? De certo pensan que obrigando aos profesores a estar dúas horas máis no centro facendo tarefas de garda e custodia dos alumnos vai mellorar a calidade do ensino. É iso o que pensan na súa consellería? Que errados están! Para mellorar a calidade do ensino é preciso cambiar moitas cousas, é certo, pero entre elas non está precisamente o feito de obrigar a tarefas para as que o profesorado nin está obrigado, nin lle corresponden directamente. Quere aumentar o horario? Pois ben, fágao, aumentando o número de horas lectivas. Que son cinco diarias? Que sexan seis, así poderían impartirse materias moi importantes aos nenos e nenas que non se están a dar; así poderíase coordinar o traballo do cento colectivamente, valla a redundancia, e sermos todos os docentes responsábeis de actividades tan importantes coma o fomento da lectura (levando a cabo un operativo plan lector, do que só lles importou sempre o documento burocrático), funcionarían departamentos tan importantes como o da dinamización da convivencia escolar, a biblioteca, as TICs e outros proxectos como o seu tan mencionado Abalar… Non se decata das incongruencias que están a amosar?
Nos tempos que corren, ningún docente se negaría a aumentar o seu horario de traballo. Iso si, sempre que fora coherente co seu bo facer profesional.
Nada comento, señor Vázquez, da súa resposta ante a pregunta que lle facían esta mañá sobre a gratuidade dos libros de texto, nin do xeito tan simple de respondela. As bolsas redúcense… “a crise” outra vez. Non podía ser doutro xeito: cifras comparativas con gobernos anteriores son perfectas razóns para esquivar a responsabilidade de seu. Xa estamos afeitos, descoide. Abonda con cambiar de tema e gabarse de feitos que nunca foron realizados por vostedes, está claro; que herdaron deses gobernos a quen tanto desprestixian: aumento das cotas para comedores en prazas e orzamento, mellora do transporte escolar… Non nos conte máis. Sabemos que todo iso foi acadado por vostedes, sen dúbida…!
Abonda de demagoxia. Xa ninguén os cre! Até outra, señor Vázquez e deséxolle un bo comezo de curso escolar, vaille facer falla!

11 de set. de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión