"Atardecer no Gaiás" con Mercedes Villegas

Moncho Paz.- O programa cultural “Atardecer no Gaiás” contou onte coa presenza de Mercedes Villegas Andrino, poeta madrileña afincada en Compostela, que leu o seu poemario “Obxecto de poesía”, editado por Davinci Continental. Mercedes estivo acompañada ao piano por Antonio Calvache, nun emotivo acto que reuniu a numeroso público, pois máis de 50 persoas citáronse no serán de onte na Cidade da Cultura de Galicia.



Nada en Madrid, Mercedes Villegas estudou o Bacharelato nun colexio francés da capital de España e posteriormente cursou Filoloxía Hispánica na Universidade Complutense. Residiu uns anos en Londres, onde perfeccionou o inglés e despois trasladou o seu domicilio a Santiago de Compostela, onde vive actualmente. Libreira vocacional, fundou a librería compostelá María Balteira, á fronte da cal estivo cinco anos. Levada polas súas inquedanzas intelectuais, crea e imparte talleres de lectura, é tradutora de inglés e francés, lectora e correctora e tamén imparte clases de literatura e idiomas. Prantou árbores, tivo fillos e escribiu libros, como estes versos recompilados que agora ven a luz en “Obxecto de Poesía”, en edición bilingüe.



Hai que lembrar que “Obxecto de Poesía” foi presentado o pasado mes de maio en Compostela polo actor e músico Luís Tosar, no Club de Jazz Dado Dadá. Xunto con “Memoria e desconcerto” de Gaspar Moisés Gómez, son os dous primeiros libros que integran a colección “Versos” de Davinci Continental.

02/09/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión