Atentado en Vilalba

Xulio Xiz.-

Cando falo de Vilalba, góstame ter a festa en paz e se o tempo o permite, falar de cousas amables. Pero a actualidade está empeñada en levar a contraria neso da amabilidade e hoxe o tema dáseme obrigado.
É igual que o artefacto fose caseiro ou industrial, que causase desperfectos importantes ou leves, o certo é que se trata dun atentado terrorista, chámeselle kale borroka, suprema gamberrada ou calquera outra definición que bautice un delito coma este.

Que eu saiba, a primeira forza nacionalista galega, o BNG, foi a primeira en condenar este ataque contra a casa que foi residencia de Fraga e sede da Fundación Manuel Fraga Iribarne, sinalando que a violencia non ten cabida na sociedade galega, que o pobo galego ten clara conciencia pacifista e repúgnalle enormemente calquera tipo de agresión contra as persoas e os seus bens. Califica os feitos de lamentables e agarda que os
corpos e forzas de seguridade do Estado identifiquen canto antes aos responsables. O mesmo fixeron o Partido Popular e o Psoe, que lamentan este ataque contra a liberdade e a seguridade das persoas, que ven producir intranquilidade e trae consigo o risco para a seguridade dos vilalbeses.
Como a condena xa está feita por políticos e particulares, e xa o feito se condena por si mesmo, eu quero chamar a atención sobre feitos coma este ós que coidabamos estar alleos, que se manifestan de moi diversa maneira, e que en Lugo nas últimas semanas se traducen na queima de contedores de lixo, con altísimas chamas que chamuscan e queiman as fachadas diante das que están colocados os contedores, con importantes danos, susto para os afectados, e enrarecemento dun ambiente social  que precisa tranquilidade
para vivir normalmente.

Os recentes casos nas rúas dos Gardas e García Abad son chamadas de atención para as autoridades e corpos de seguridade, e esto de Vilalba un toque de atención importante cara o que puidera non ser máis ca unha gamberrada cunha certa especialización, ou un atentado con escaseza de medios. En calquera caso, preocupante.

Volve de novo Vilalba a estar no ollo do furacán informativo. Ó noso pesar.

O dito: góstannos máis as noticias amables que estas que nos falan de desaxustes nas cabezas dos aprendices de terroristas. E Vilalba merece seguir sendo o lugar tranquilo, cheo de xente normal, que se comporta con
Ogallá que poidamos axiña lembrar estes feitos como un mal soño dunha noite de comezos de outono.

28/09/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión