Comeza o curso

Fermín Bouza.-

Temos asistido a certo desprezo verbal polo ensino secundario nas declaracións dos cargos da Comunidade de Madrid, e asistimos á aplicación do axuste de persoal ao campo no que é máis necesario un avance conxunto e transideolóxico. Perdeuse emprego e púxose na rúa a numerosos profesores interinos polo procedemento de incrementar horas lectivas. Comeza agora tamén un novo curso na universidade, e dispómonos tamén a comezar, en moitos casos, o novo posgrao que Bolonia esixe, facendo un esforzo especial por dar un máster de calidade especial, con especiais esixencias e con especial preparación dos alumnos.

Como en todas as épocas de crise, os estudos de posgrao que levan ao doutoramento énchense, e a xente aproveita para aprender algo máis, e que lle poida servir para algo. Nós, no meu departamento, damos un máster en Comunicación Política, e imos tentar que a xente entre pola vía científica a ese tema, en competencia con milleiros de sesións patrocinadas por empresas ou universidades, a un alto prezo, para pasar uns días no Caribe e aprender Como se gañan unhas eleccións. Cun “título” destes no peto para que quere un ir á Universidade “científica”? Volves moreno, con noiva/noivo e titulado. Unha semaniña marabillosa. A destrución da ciencia e a súa substitución por estas historias prodúcese en todos os ámbitos, tamén nas ciencias naturais (Déixese de doutoramentos e aprenda a fabricar un bo xabrón), e é a liña que algúns políticos patrocinan.

En realidade é a liña que se vai impondo, e a ciencia acusa isto baixo a forma de deficiencias na investigación básica, e isto ocorre tamén en todos os campos. Este modelo falsamente productivista da educación hai anos que foi desprazado no seu berce, os EEUU do Norte de América, pero imponse agora en Europa. Cando a ciencia regresa con grande vigor ás universidades americanas aquí seguimos vendendo crecepelo. Alá, todas esas cousas que agora se impoñen aquí, foron relegadas a programas secundarios para a exportación. De portas para dentro, a cousa é outra. Levamos certo atraso nese proceso.

29/09/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión