Conversa con Agustín Fernández Paz

“Co galego falta vontade política”

Mario Paz González.-

Quen a teña escoitado algunha vez, saberá que a voz de Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947), un dos autores máis prolíficos e valorados da literatura galega, soa coa mesma claridade e intensidade que a voz das súas novelas. Tamén con esa urxencia incontible do bo contador de historias. Con el falamos da súa última obra, Non hai noite tan longa, pero tamén doutros moitos temas: a Memoria Histórica, a situación do galego, a importancia das tramas narrativas, os prexuizos lectores, a Literatura no ensino...

PREGUNTA. A túa última novela, Non hai noite tan longa, contén referencias a outros xéneros como o fantástico (presente noutras obras túas), tamén á novela negra... Foi premeditada esa mistura ou xurdíu espontáneamente?
RESPOSTA. O da novela negra foi premeditado. Eu son, desde hai moitos anos, un bo lector dese tipo de novela na que, aproveitando unha historia, faise unha análise crítica da sociedade. Ademais, para contar algo, non hai mellores tramas que as da novela negra, pois dun capítulo vanche levando ao outro, ata o final. O elemento fantástico é unha especie de marca da casa. Sobre todo eses elementos fantásticos ambiguos, como ocorre neste libro que, ao estar en primeira persoa, non sabemos se son realidade obxectiva ou visións da voz narradora. Neste caso, ademais, o fantástico permíteme falar con máis amplitude da vida real, se non tería que recurrir a un documento deixado polo pai morto ou outro recurso similar. Pero é moito máis directo usar unha tradición tan galega como é a das visións, a dos aparecidos. Unha tradición coa que eu medrei, pois cando eu era cativo todo o mundo, ata os maiores, crían nas visións.

P. O da ambigüidade que dis fai pensar na Odisea de Homero, á que fas referencia na novela, porque tamén pode lerse como realista ou fantástica. O que conta Ulises da súa viaxe podemos pensar que o inventou ou que lle aconteceu de verdade.
R. Efectivamente. Ademais son incontables, e inevitables, as referencias dos que escribimos á Odisea e, ás veces, case sen nos decatar. Neste caso, está esa idea de alguén que regresa e que, por riba, ten que levar a cabo unha sorte de vinganza, como Ulises cos pretendentes. É algo que está no caldo do cal un se nutre á hora de escribir. Pensa na de westerns co esquema dun tipo que chega ao pobo para facer unha vinganza. Dalgún xeito as tramas son debedoras unhas das outras, é literatura sobre literatura.

P. Hai unha serie limitada de tramas que se van repetindo.
R. Exacto. En La semilla inmortal uns profesores cataláns [Jordi Balló e Xavier Pérez, Anagrama, 2004] fan unha síntese de vintetantas tramas fundamentais do cine, pero que poden trasladarse perfectamente á literatura. As tramas están todas contadas xa, fanse novas cando nunha novela créanse uns personaxes, unhas situacións, unha visión do mundo nova.

P. O protagonista, Gabriel Lamas, tenta pechar unha ferida do pasado. Ti falas de vinganza, pero canto hai de vinganza ou de desexo de xustiza na súa actitude?
R. Vinganza posiblemente non sexa a palabra exacta. Se cadra utiliceina por comodidade, pero coido que é algo máis fondo, que poida ter matices. O move unha razón doble. Por unha banda saber a verdade, o que eu compararía co esforzo de Emilio Silva e os da Memoria Histórica de abrir unha fosa máis para desenterrar o pasado. Lamas sinte que iso élle necesario para seguir vivindo. Por outra, tamén é a historia da miña xeración, que non se fixo públicamente as preguntas. Os que si as fixeron son os netos dos que sufriron. Gabriel Lamas, aínda sendo fillo, ten tamén que abrir esa ferida mal curada para, como se di ao final, curala. Pero todo isto está no inconsciente do autor, porque cando escribes, aínda cuns esquemas previos e documentación, hai unha historia que vai tirando de ti e estas reflexións fanse a posteriori.

P. Lamas fuxíu de Monteverde, un lugar claustrofóbico onde seguen presentes moitos medos do pasado que imposibilitan que a verdade saia á luz. Canto disto pensas que segue existindo aínda hoxe na sociedade galega?
R. Monteverde é unha vila imaxinaria pero, obviamente, feita con retallos, tanto de Vilalba como doutros lugares que coñezo ou que coñecen amigos meus e que poden ser un paradigma de calquera vila galega ou española. Hai unhas semanas lerías, coma min, na prensa o desa vila de Ávila na cal desenterraron os cadáveres duns represaliados e negáronse a que os enterraran de novo, destrozaron o monumento... Feitos como eses obedecen, obviamente, a que tantos anos despois aínda doe o pasado da guerra civil, aínda hai unha ferida. Hai unha oposición, sobre todo por parte dos descendentes dos vencedores, de non querer saber para así poder pasar páxina definitivamente. Algúns amigos dínme que a visión que dou é real, e eu coido que esta cerrazón estivo en toda España e en toda Galicia aínda que, se cadra, nas cidades menos.

P. Pódese, pois, ler a novela como unha alegoría da Memoria Histórica?
R. Evidentemente si. Eu centreime nun caso individual que servira de paradigma, pero non é tan explícito como noutros libros meus como Corredores de sombra. Neste caso hai un axuste de contas coa mocidade que nos tocou vivir á xente que fumos novos nos anos sesenta ou primeiros setenta. Claro que peor foi o que viviu a xeración anterior.

P. Xa que citas Corredores de sombra. Poderiamos estar a falar dunha triloxía formada por esa novela, Noite de voraces sombras e Non hai noite tan longa?
R. Si. Dalgún xeito si. Está claro que o tema do pasado e da necesidade de desenterrar o pasado e de coñecelo para poder, como din os políticos, “pasar páxina” e curar as feridas está nos tres libros. Hai por aí algúns fíos que os unen.

P. Como a sobriña de Gabriel, Milena, e a protagonista de Corredores de sombra.
R. Efectivamente. Ambas as dúas responden ao mesmo modelo de persoa que eu quero crear. É a idea de que a xente que eu tiven nas aulas, a xente nova, son os que realmente poderán superar estas feridas. A dos bisnetos da guerra posiblemente sexa a xeración que poda coñecer como foron as cousas, pasar páxina e facer que estas feridas sexan só historia. Eu quero representar aí a forza da mocidade e a idea de que son o futuro e hai que confiar neles. Non costa ningún traballo imaxinar a Milena por exemplo, agora mesmo, coordinando algunha historia dos indignados.

P. Falas de axuste de contas coa túa xeración, a xeración que vivíu os sesenta. En certa ocasión ti dixeches que a ditadura vos roubou a posibilidade de ler autores fundamentais ou de ver películas esenciais que, ou ben non chegaban, ou ben facíano tarde e censuradas. Canto hai de sentimento autobiográfico nisto?
R. Iso hai que vivilo porque aos máis novos cóstalles entendelo. Na presentación do libro n’A Coruña contei unha anécdota actual mínima, pero que axuda un pouco. Hai unhas semanas botaron na tele Un tranvía llamado deseo, con Marlon Brando e Vivien Leigh, e, ao vela, observei que había media hora de máis na que os protagonistas falaban en inglés. Non estaba dobrada porque eran os anacos que a censura cortara. Agora a historia da película víase moito máis clara. E iso pasou con moitas outras. O cine que se estaba a facer daquela non nos chegou. E se chegou, fixoo mal. No que se refire ás novelas, son lexión os autores que non puidemos ler ata ser persoas adultas cando entraron a finais dos setenta ou oitenta. Os discos de Paco Ibáñez chegaban con menos cancións das que tiñan orixinalmente e ata aos Rolling Stones lles tocou.

P. Moitos dos personaxes positivos das túas novelas teñen unha fonda relación coa lectura. Como ves, como escritor ou lector, o panorama actual?
R. Eu aí teño unha postura dual. Penso que hai que traballar na promoción da lectura porque enriquece ao ser humano e porque é unha práctica fundamental para construires unha sociedade democrática. Pero tamén teño claro que na época actual lese moito máis que nas anteriores e hai ferramentas, como as bibliotecas, ao alcance de todos que antes non había. Ás veces escoitase esa idea de que antes líase máis, pero non sei de quen se está a falar porque na época na que eu era neno, ou mozo, liamos moito uns pouquiños. A inmensa maioría non lía nada ou só a Marcial Lafuente Estefanía, Corín Tellado e similares. E iso que non había televisión que se non, nin iso lerían. O réxime franquista miraba de xeito sospeitoso aos lectores e aos libros mesmos e a política de bibliotecas era prácticamente inexistente. Os grandes autores de literatura infantil e xuvenil tivemos que lelos xa cando estaba a piques de morrer Franco ou despois da súa morte.

P. Hoxe, na xente nova, hai unha falta de prexuizos lectores moi de valorar, pois tanto poden ler ciencia ficción como autores sesudos. Que pensas ti deses prexuizos que había antes, mesmo frente á literatura xuvenil?
R. Eses prexuizos eran moi agudos nos anos sesenta e aínda quedan algúns, pero eu diría que están en franca superación. Hoxe, polo menos quen ten unha certa preocupación pola cultura, merca un cómic coa mesma liberdade que un libro, e a novela negra xa ten o estatus que merece. A ciencia ficción quizais non, e iso é un camiño por percorrer. En canto á literatura xuvenil, aínda existen prexuizos, pero están moi disminuidos respecto ao que había uns quince ou vinte anos atrás. De feito, penso que o que pode definir unha novela como de adultos ou non son as técnicas narrativas máis complexas que farán que o hipotético lector teña que ter unha madurez lectora que, moitas veces, os mozos non teñen. Ás veces moita xente adulta tampouco e, polo tanto, moita da novela que hoxe hai nas librerías podería calificarse como xuvenil.

P. Unha das cousas máis valoradas das túas novelas polo público e a crítica é a perfecta arquitectura das tramas. Como consegue Agustín Fernández Paz isto?
R. Eu sempre digo, cando penso niso, que procede de que son unha persoa á que lle gustan moito as historias, o cine, a literatura... Cando un quere narrar algo hai que elaborar unhas tramas que sexan consistentes e atraentes para os futuros lectores, que os fagan vivir na novela ata que remata. Iso é tamén oficio. O mesmo ocorre con esas películas que, contando cousas moi serias, fano cunha trama moi atractiva. Eu apúntome a esa forma, aínda que se pode escribir doutras. Pero, como lector, agradézoo.

P. Non hai noite tan longa está chea de referencias culturais (Shakespeare, Bergman, Homero…) e tamén poéticas (Cernuda, Valente…) moi presentes noutras obras anteriores. Como é a relación de Agustín Fernández Paz coa poesía?
R. O certo é que merco bastante poesía e hai etapas nas que leo máis, porque lese dun xeito diferente á prosa. Tes que ter o libro a man para lelo e relelo. Paréceme que é, desde logo, a forma máis esencial da literatura e a máis difícil tamén. O bo poeta consegue transmitir, non só a súa visión do mundo, senón tamén as súas vivencias e emocións dun xeito que a prosa non pode. Cantas veces me ten pasado a min que acabo aprendendo un poema de memoria e non se me desvela o seu contido ata que un día, repetíndoo pola rúa, descubro un significado esencial que non percibira antes. Agora gústame moito Joan Margarit, un poeta catalán extraordinario, máis ou menos da miña idade e que ata hai seis ou sete anos non coñecía. Hai outros que me acompañan desde sempre, como Valente, Vallejo ou Ferrín, dos que leo todo. En canto aos poetas novos voume fiando un pouco das lecturas da crítica e do que me di outra xente.

P. Para alguén que confesou nalgunha ocasión que os anos nos que comezou como docente, a mediados dos setenta, foron os máis intensos da súa vida, que pensa da situación actual do ensino, cos currículos que marxinan claramente á Literatura en particular e ás Humanidades en xeral?
R. Iso é un asunto moi longo. O ensino actualmente vai por camiños que non me gustan, contrarios ao que eu defendería, cuestións como que contribúa a correxir as desigualdades sociais en lugar de aumentalas ou que teña unha marxe de liberdade curricular ou mesmo horaria. Pero actualmente estamos vendo como ocorre o contrario. Sei que a educación é como un trasatlántico, costa moito facer que vire só uns graos de dirección, pero cando vexo os meus trinta e pico anos de ensinanza decátome de que os froitos están no que persoalmente puido aproveitar ou non cada rapaz ou cada rapaza cos que estiven. A miña xeración conseguiu con ben traballo algúns froitos que hoxe se dan por feitos. Pero tamén queda un pouso de insatisfacción porque queda moito por facer. O do menosprezo das Humanidades é tráxico. Está no ensino, pero tamén na sociedade en xeral. Eu non sei se hai cerebros ocultos detrás disto, pero é certo que hai unha vontade de marxinar coñecementos que poden non ser “imprescindibles”. Aínda que eu creo que a literatura, a música ou a arte si o son para calquera traballo e para a creatividade das persoas, básica para que a sociedade poida avanzar.

P. A túa obra é moi ampla, chegando a reunir ata catro ou cinco libros no mesmo ano. De onde saca o tempo Agustín Fernández Paz?
R. Iso son casualidades editoriais. Moitas veces os libros non se publican cando se escriben. Hai épocas de escritura intensa nas que non se publica nada e, ao mellor, un ano a editorial decide sacar aquel libro que estaba aparcado. Por iso non coincide cronolóxicamente a orde de publicación coa de escritura. Durante moitos anos, como os últimos noventa ou os primeiros deste século, escribín con moita intensidade, coa sensación de que se me ía acabar a vida e tiña que deixar escrito todo que quería.

P. A túa obra obtivo moitísimos recoñecementos, moitos deles fóra de Galicia, a nivel internacional, como a candidatura ao Andersen no 2012, considerado o Nobel da literatura infantil e xuvenil. Foi difícil, xa que logo, tomar a decisión de rexeitar o Premio da Cultura Galega que che concedeu a Xunta en 2010?
R. Unha decisión desas nunca é fácil. Pero que neste caso eu, como membro activo de Prolingua, viña de promover unha petición na cal se dicía que, se alguén recibía ese premio, o rexeitara polas condicións que se daban. Por iso cando mo outorgaron a min, tras agradecerllo ao xurado, que non ten culpa destes avatares, non podía aceptalo.

P. Como ves a situación actual do galego?
R. Con moitas facetas. Vexo que hai retrocesos e tamén avances. Estou moi orgulloso da súa presenza na rede, ligada case sempre a posturas moi creativas e activas. Pero, cando vou ao País Vasco ou a Cataluña, penso que falta unha vontade política, que faltou case sempre e que é imprescindible en calquera lugar, xa sexa Francia, Madrid... Aquí agora máis que indeferenza o que hai é unha política agresiva. No comezo da lexislatura foi sumamente agresiva e agora permanece unha postura de desconfianza respecto ás cuestións que teñan que ver coa lingua ou coa cultura galega en galego. Se é música ou pintura, digamos que “estorba” menos, pero se é cine, teatro ou literatura da a impresión de que hai unha política deliberada de cortarnos as ás ou, seguindo a metáfora do bonsai, de cortarnos as poliñas e non deixar que o bonsai medre.

P. Cal é o teu próximo proxecto. Que nos podes contar del?
R. Teño dous libros pendentes de saír. Un de relatos de medo, que aparecerá non sei cando, e unha novela curta moi interesante escrita xa hai tempo e que, se houbera sorte, publicaríase nos vindeiros meses. Penso, que é unha mágoa que non saíra antes da cuestión dos indignados porque, dalgún xeito, enlaza con eles. En canto ao que vou escribir, a verdade é que teño por riba da mesa varias cousas, pero non sei por cal lanzarme. E logo, noutro tipo de libros, acaba de chegarme hoxe á casa un novo que escribín para os lectores máis pequenos, de oito anos en diante, moi ben ilustrado e que se chama Corazón de pedra.


IMAXE: Agustín Fernández Paz na homenaxe "O escritor na súa terra" feita en Vilalba o 20 de xuño de 2009. Fotografía de Paulo Naseiro.

11/09/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión