A débeda das Letras Galegas con Madrid


Xavier Frías Conde.- A literatura en lingua galega tivo sempre unha sede lonxe do seu territorio natural e non estou a me referir a Buenos Aires, senón a Madrid. Case todos os grandes persoeiros da literatura galega, a comezar por Rosalía e Murguía e a seguir polo último homenaxeado das Letras Galegas, Loís Pereiro, pasaron tempadas longas da súa vida nesa cidade. Porén, esta é só unha parte da realidade, outra menos coñecida e moito máis dinámica e que Madrid segue a ser caldeira onde bole a literatura galega.

Ademais dunha ducia de autores que viven na capital de España e crean en galego, existe unha dimensión cultural importantísima que non pasa desapercibida, onde mesmo dúas universidades, a UNED e a UCM, dedican tempo e esforzos a promover a literatura en lingua galega. O motor da creación galega nos últimos quince anos é o chamado Grupo Bilbao, así chamado por teren un faladoiro na Glorieta de Bilbao no delicioso Café Comercial. Alí foi fundada a colección de cadernos poéticos O Roibén, que está a espera de renacer nunha segunda época, nese mesmo formato de cadernos.

Por tanto, considero inxusto o desinterese, en moitos casos a mantenta, que se fai do Grupo Bilbao e dos escritores galegos de Madrid, pois ao meu ver teñen todos eles moito que dicir no ámbito literario galego.En Madrid celébrase o Día das Letras Galegas durante unha semana enteira e con tantos actos como se poden facer nas máis das cidades galegas. Hai público e, ademais, a presenza de autores galegos en Madrid está a ser unha marabillosa montra para os eventuais lectores de lingua non galega. Non en van, de aquí xurdiron xa varios poetas alógrafos dunha excelente calidade poética.  Paga a pena achegarse, ver e coñecer. Estades todos convidados aos faladoiros galegos do Café Comercial nos últimos sábados de cada mes a partir das catro. A palabra en galego, con café, sabe aínda mellor.
_______________
Fonte: Editorial Galaxia

15/09/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión