Misterio en Vilalba

Xulio Xiz.-

Por aquelo de que sempre hai alguén que está á que salta, un amigo preguntoume a finais da semana pasada que ocorría en Vilalba, e eu non souben responder como non fose o rebumbio do final das festas ou os actos que se celebraron como aniversario da morte de Manuel María e do Día da Cultura chairega.

O meu comunicante tentou apretarme máis e atopoume totalmente ignorante dese suceso luctuoso que tanto lle chamara a atención, do descubrimento do cadáver dun home no maleteIro dun coche, en Vilalba.

Eu, que aquel día andivera itinerante sen tempo para vincularme ó acontecer diario, quedei abraiado e procurei información dun caso que parece sacado dunha novela de misterio.

Antes o ámbito de temas coma este quedaba circunscrito ás películas, onde podían ocorrer os feitos máis extraños, e canto máis extraños fosen máis atracción tiña o filme. Por certo que esta noticia veu coincidir no tempo coa presentación en Lugo da XXXIII Semana de Cine de Autor, co que o ambiente era propicio para calquera acontecemento, por desusado que fose, que o cine é unha fábrica de soños convertidos en realidades.

Ademáis do cine ou nas novelas que orixinaban este tipo de películas, estes feitos existían na realidade, pero nunca preto de nós. Eso nunca pasaba en Vilalba, nin en Rábade, nin siquiera en Lugo... Sempre ocorría na lonxanía do extranxeiro, ou nas capitais importantes e, chegado o caso, nas zonas de forte incidencia turística precisamente pola afluencia de extranxeiros que trasladaban ó noso país as violencias ás que se supuña que estaban acostumbrados.

Pero demostrado queda que estas cousas tamén poden pasar entre nós, aínda que nos sorprendan extraordinariamente. Pode que sexa unha consecuencia da "aldea global" onde o local trascende a xeral, e os feitos locales collen relevancia de acontecementos de primeira orde.

O certo é que o misterio en principio estaba garantido co descubrimento por parte das forzas de seguridade dun cadáver no maleteiro dun vehículo, caso no que teñen traballado a marchas forzadas para concluir que se trata dunha pura traxedia persoal, e que a morte ocorreu por causas naturais, co que se elimina un dos factores que convertiu Vilalba por unhas horas na tristeira protagonista informativa dun misterio por entregas, pero queda a traxedia silenciosa dun home morto no maleteiro dun coche que, sen saber por que, se tiña transformado na súa casa.

Pero estamos tan afeitos a que este tipo ou outro de traxedias nos sacudan a calma e o corazón case a diario, que o acontecer cotián irá limando as puntas máis áridas deste recordo, e nun par de semanas poucos lembraremos este feito.

Que do mesmo xeito que a dor dun cravo quítase coa dor do cravo seguinte, a sorpresa informativa vaise aminorando cos seguintes acontecementos dos que vaiamos tendo noticia, ata case desaparecer en canto calquera outro acontemento desplace na nosa imaxinación o mal cheiro dun asunto do que se tivo noticia precisamente polo mal olor que se desprendía do coche no que estaba pechado o cadáver.

É de desexar que esquezamos axiña este feito luctuoso, e que Vilalba volva ser o sitio tranquilo para vivir onde aínda se pode camiñar, de día ou de noite, polas rúas que comezan a canalizar o outono, coa maior tranquilidade do mundo.

16/09/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión