Recoñecermos Aquilino Iglesia Alvariño

Xurxo Martínez González.-

O PEN Club de Galicia celebrou no ocaso do mes de xullo unha homenaxe ao excelso poeta de Abadín, Aquilino Iglesia Alvariño. Foi perante a súa tumba, no compostelán camposanto de Boisaca onde acougan persoeiros como Ramón Piñeiro, Aurelio Aguirre ou Ramón María del Valle-Inclán.

Os diferentes oradores sinalaron a relevancia da súa produción literaria para as letras galegas do século XX, destacaron a súa colaboración á lexicografía e aplaudiron as logradas traducións que fixo de clásicos latinos. Intervencións e verbas que procuraron enxalzar e difundir o citado poeta.

A pretensión deste acto foi situar o autor no seu lugar dentro da historia da literatura galega. Aquí, algúns dos nosos historiadores téñense comportado erroneamente ao reducir, cáseque a unha nota de rodapé, a decisiva contribución e a expresividade lírica, bela, potente, recollida e culta do verso de Aquilino. Aínda falta por investigar, estudar e analizar a lírica aquiliniá; aínda falta por encaixalo no parnaso poético; aínda falta lelo moito, non só os seareiros da poesía senón tamén os propios investigadores e críticos literarios. Que alguén poida afirmar que Aquilino é un “poeta de segunda” canto menos merece presentar unha boa argumentación e unha sólida base. Nós, xaora, estamos nas antípodas de tal idea.

Tede coidado ao abrir Lanza de soledá ou De día a día porque é unha rosa de cinsas, feble ao alento da respiración. Precisamos da máis estrita intimidade para lelos e así transcribir o estado de ánimo do autor. Estomballémonos nun lameiro calquera da nosa nación e leamos un poema de Cómaros verdes ou de Señardá para apreixar na mirada a paisaxe irredenta. Cantémoslle á patria en pé, serenos, a limpa fronte sempre erguida, coa nenia dedicada a Castelao, unha composición pola cal temos especial gusto.

Na redacción do pasado, os historiadores tenden con frecuencia caer nas filias e fobias persoais senón dun xeito consciente si no veo da inconsciencia. Aínda son máis pailáns aqueles que, disque por cuestións ideolóxicas, quitan e poñen da listaxe dos favoritos (este é dos nosos, aquel non) segundo lles veña o ar. Aquilino non é alleo a estas batallas.

O compromiso do abadinense coa cultura galega é irreprochábel. A actividade de Aquilino esténdese dende os días da mocidade publicando só en galego até a súa militancia no Partido Galeguista; dende as páxinas de La Noche até o Padroado Rosalía de Castro; dende a fundación da Editorial Galaxia até a homenaxe a Ramón Cabanillas en 1958; dende os esforzos de recolleita de léxico até as logradísimas nenias na memoria de, entre outros, Alfredo Brañas, Manuel Antonio ou Antón Villar Ponte. Non renegou durante o feixismo defender a cultura de Galiza.

Se o lector procura intimismo, atoparao. Se o lector procura patriotismo, atoparao. Se o lector procura paisaxismo, atoparao. Se o lector procura vangardismo, atoparao. Se o lector procura unha identidade, unha reflexión, un soliloquio coa existencia aquí e agora, pode ter unha axuda neste poeta, neste altivo e egrexio poeta.

Convidámosvos a ler a obra de Aquilino Iglesia Alvariño, o ferreiro do idioma ou alquimista das verbas, para compor unha opinión propia. A nosa, á vista está.

7 de set. de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión