Solidariedade con Xornal de Galicia

Redacción.- O Consello de Redacción de A Voz de Vilalba amosa a súa indignación polo inminente peche do diario dixital xornal.com, considerado como o primeiro diario dixital en Galicia, con máis de dez anos de existencia. A editora do devandito medio, o grupo San José, anunciou onte a presentación dun ERE para extinción da empresa, que suporá a perda de 38 postos de traballo.

Esta decisión ten lugar mes e medio despois do peche da edición en papel de Xornal de Galicia, que conlevou o despido de 30 traballadores. A postura da compañía editora resulta ”un sarcasmo” -en expresión da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC)- pois recentemente pechou o diario en papel, pero confirmaba a continuidade da edición dixital e a posible recolocación dos traballadores.

A realidade, unha vez máis, supera a ficción e de novo xornalistas e traballadores dos medios vense abocados a unha desesperada situación vital coa perda dos seus postos de traballo. Neste senso, A Voz de Vilalba amosa a súa solidariedade cos traballadores de xornal.com, pois hai que lembrar que o proxecto de Xornal de Galicia foi apoiado directamente polo noso medio, como se demostrou co acto público de presentación do proxecto que tivo lugar en Vilalba no mes de abril de 2009, coa presenza de José Luis Gómez e Moncho Paz (na fotografía).

20 de set. de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión