Esa música escura, ese coro

Fermín Bouza.-

Son tantas as cousas tremendas que ocorren diariamente que a magnitude numérica desas árbores non deixa ver o bosque de horror en que se converteu a moderna cultura edificada sobre a base do capitalismo, pero non só como sistema económico senón como sistema anímico.

Estes tipos humanos que vemos diariamente, o político desalmado, o executivo ladrón, o policía vesánico, o xornalista calumniador, o parvo útil (prolifera en tempo electoral), e tantos e tantos como eles, e todos ocupando a praza pública para formar un coro sinistro que nos baleira os días de todo o relevante e o enche todo desa música que empezamos a aborrecer seriamente e que ameaza con tolearnos.

Nada vai mellorar tras as eleccións, e é probable que empeore, mesmo gravemente. Non estou de humor para case nada. Ocúpome intensamente dos meus temas sociolóxicos e comunicacionais a ver se acabo unhas cantas cousas. Reláxame o mundo propio cada vez máis, ao contrario doutras veces.

Se os electorados votan o que parece que van votar, outros deben ocuparse deles. Eu, de momento, voume ao interior da miña alma. Desde alí falarei con máis emoción, quizá iso sexa máis eficiente que a razón, cando menos nestas circunstancias.

19/10/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión