Novo tramo do AVE Galicia

Redacción.-

O Ministerio de Fomento adxudicou á Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Comsa e Anchelergues e Asociados as obras de plataforma do tramo Túnel da Canda-Vilavella, correspondente á Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia no seu tramo Lubián (Zamora)-Ourense.

O orzamento desta adxudicación, aprobada onte polo Consello de Administración de Adif, ascende a 51.541.504 euros.

O tramo, de 3,7 km de lonxitude, discorre polo termo municipal da Mezquita, na provincia de Ourense. O trazado deseñouse para dobre vía de alta velocidade en ancho internacional (1.435 mm).

A adxudicación deste tramo responde o compromiso do Ministerio de Fomento de impulsar a conexión Madrid-Galicia co obxectivo da posta en servizo da Liña de Alta Velocidade na contorna de finais de 2015.

Como elementos singulares no tramo destacan a construción dos viadutos de Vilavella (144 m de lonxitude) e do Arroio de Carriñal (30 m), así como a execución do túnel de Vilavella, de 902 m de lonxitude. Tamén inclúe un Posto de Banalización en Vilavella, conformado por unha vía central para permitir a conexión entre as dúas vías xerais.

Características do tramo Lubián-Ourense
O traxecto Lubián (Zamora)-Ourense é un dos máis complexos xeográfica e tecnicamente da LAV Madrid-Galicia. Ten 101,7 km de lonxitude e para a súa construción dividiuse en varios tramos.

Tres deles xa están en fase de construción: Porto-Miamán, Miamán-Ponche Ambía e Ponche Ambía-Taboadela, que teñen unha lonxitude conxunta de 22,2 km e transcorren integramente pola provincia de Ourense. Dentro do tramo Lubián-Ourense tamén destaca a construción da nova estación da Gudiña-Porta de Galicia.

Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia

O Ministerio de Fomento, a través de Adif, impulsou a construción da Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia coa licitación, o pasado 29 de abril, dos contratos de Colaboración Público Privada (CPP) para a redacción dos proxectos e a execución
das obras de montaxe de vía e instalacións ferroviarias, así como do seu mantemento e financiamento de parte dos investimentos, da nova conexión entre Olmedo (Valladolid) e Santiago de Compostela.

Estes contratos contan cun orzamento de 2.332,5 millóns de euros (IVE incluído). Trátase da licitación conxunta de maior volume económico para unha liña de alta velocidade aprobada por Adif en España.

Neste sentido, o Consello de Ministros puxo recentemente en marcha o proceso investidor necesario para a entrada en servizo da Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia na contorna de finais de 2015, ao autorizar a licitación do contrato para a montaxe de vía e o seu mantemento entre Olmedo e Santiago por importe de 647,3 millóns de euros (IVE incluído). A continuación, Adif procedeu a licitar de forma conxunta, e a través do sistema de CPP, tanto este contrato como o de instalacións ferroviarias, incluído o seu mantemento, entre Olmedo e Ourense, por valor de 1.685,2 millóns de euros (IVE incluído).

Ambas as actuacións enmárcanse no Plan Extraordinario de Infraestruturas (PEI) do Ministerio de Fomento, que ten por obxectivo reactivar a economía e o emprego a través do investimento en infraestruturas de transporte.

Así mesmo, Adif está a licitar, polo procedemento de concurso público convencional, as obras de plataforma que restan por realizarse na Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia no traxecto comprendido entre Lubián e Ourense.

En total, Fomento licitou no que vai de ano obras da AVE a Galicia por valor de máis de 3.000 millóns de euros.

Financiamento europeo
A Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia será cofinanciada no período 2007-2013 polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Operativo de Galicia 2007-2013, cunha axuda estimada de 201,2 millóns de euros.

Ademais, está previsto que o Banco Europeo de Investimentos tamén participe no financiamento deste proxecto.

04/10/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión