Vertido de lodos

Redacción.-

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, participou onte, 7 de outubro, na xuntanza da permanente do Consello Agrario Galego. Entre outros temas, debateuse o proxecto de decreto polo que se regula a utilización de lodos de depuradora no sector agrario. A posición do SLG foi a de pedir a retirada deste proxecto e a prohibición expresa de poder verter lodos de depuradora na terra. As razóns para adoptar este posicionamento son varias.

En primeiro lugar, está demostrado que os lodos de depuradora, por moito que se procesen, conteñen unha forte presenza de bacterias resistentes aos antibióticos, metais pesados e outras moléculas nocivas para o medio ambiente e a saúde das persoas. Permitir o depósito de lodos de depuradora na terra, sexan leiras agrarias, praderías, montes ou de calquera outro tipo, supón un auténtico disparate, xa que estaría asegurada a contaminación dos terreos receptores, da cadea trófica, dos cursos fluviais e augas subterráneas, e mesmo dos alimentos producidos en base á terra, poñéndose en serio risco a saúde das persoas1.

O proxecto de decreto presentado hoxe no Consello Agrario Galego dá por feito que o único destino posible dos residuos das depuradoras é a terra, e non contempla outros posibles usos ou tratamentos. No Sindicato Labrego Galego estamos de acordo coa obriga de regular os usos dos lodos de depuradora; o que non podemos tolerar baixo ningún concepto é que estes refugallos altamente contaminantes se depositen na terra e, moito menos, que se pretendan utilizar como abono nas nosas explotacións.

Chama a atención que a Xunta de Galiza cree un canon da auga que, seica, só pagarán aquelas explotacións agrogandeiras que contaminen, por unha banda; e que pola outra, pretenda verter os lodos saídos das depuradoras dos núcleos urbanos e polígonos industriais nas terras desas explotacións.

Outro problema non menor que xerarían estes depósitos de lodos de depuradora na terra serían fortes cheiros na contorna do lugar onde se vertesen, transformando ao noso medio rural nun auténtico vertedoiro.

Por todo o devandito, o Sindicato Labrego Galego oporase a calquera tentativa da Xunta de utilizar a terra como depósito de lodos de depuradora.

08/10/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión