Biomasa


Xulio Xiz.-

Eu oio falar de biomasa, e póñome contento. A verdade é que esto me pasa e me pasou con todos os sustitutivos dos que se ten falado para non consumir os combustibles actuais, por pensar que calquera evolución en este campo vai ser moi favorable para
a nosa economía e para o medio ambiente.

Pasoume, hai xa ben anos, con aquel motor de auga que en diversas ocasións se nos vendeu como a panacea das comunicacións por estrada no futuro. A teoría era moi sinxela: o motor disociaba a auga en hidróxeno e osíxeno, e logo facíaos chocar de xeito que o osíxeno facía arder o hidróxeno, producía enerxía e movía os vehículos a motor.

Deste invento, como do do movemento continuo, nunca máis se soubo. E non sabemos se é porque os fabricantes actuais de vehículos e o sector do combustible o retiraron da circulación, ou que o sistema era unha perfecta toleada que nunca conseguíu mover un motor.

Porque vaia se era rendible en Galicia montar un motor de auga, da que temos para dar e tomar. Daría gusto ver a Galicia vendendo auga a todo o mundo conseguindo auga-dólares ou auga-euros como os árabes despilfarran agora petrodólares.

O gran soño agora é a biomasa, que nos sona a combustible natural, conseguido a fin de contas de elementos vexetais dos que temos arredor de nós en cantidade infinita.

A noticia é que o concello de Vilalba vai usar biomasa en lugar do tradicional gasoil para xenerar calor nas instalacións municipais, co conseguinte aforro económico e a eliminación da dependencia cos subministradores dos combustibles caros e limitados, dos que estamos a consumir cunha fruición digna de mellor causa.
O Concello vilalbés vai usar biomasa na piscina municipal e noutros lugares da Magdalena, no club de tenis e campos de fútbol, pasando as caldeiras de oleoso combustible líquido a mellor vida.

Como todas as innovacións, tamén a biomasa ten os seus detractores, porque seica dedicando á súa producción terreos que antes se dedicaban a outros cultivos, faise subir o precio de determinados productos agrícolas por contribuir á súa escasez.

Eu creo na biomasa. Aínda que non teña moi claro como se produce, que fincas son válidas, que se sementa e como se recolle, que tratamento lle hai que dar e se, en fin, se pode escoller unha vez cultivada se se lles da ás vacas durante o longo inverno ou se destina á producción de enerxía.

Pero que non se diga que a estas alturas da vida que un non se apunta ao futuro, e conten comigo para apoiar a biomasa onde e cando proceda. Que a fin de contas de queimar petroleo, e de pagalo a precio de ouro, xa estamos cansos.

23/11/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión