Desvaríos poselectorais

Fermín Bouza.-

Despois dunhas eleccións que estás obrigado a seguir ficas medio virado cara ao trópico imaxinando areais sen fin, cocos, palmeiras e peixes de cores nas noites tropicais, por non desbarrar con máis cousas, e váiseche a ollada cara a outros mares, levado nunha avalancha de auga mariña que te recolle na Complutense, levántate e bótate ao mar para que espertes dunha vez e volvas empezar no mesmo punto en que o deixaches hai xa moitos anos. Estás a desvariar, que é o bo.

O malo empeza co sentido común ditoso do que é voceiro Mariano Rajoy nas súas saídas de pista cando non sabe que dicir. O sentido común non é reivindicable: sociolóxicamente é unha parvada, e só os filósofos se ocuparon en serio de tal cousa, e con fortuna, por certo, aínda que todo un pouco pesado e moi de tardes de choiva en Cambridge e sitios así. Pero ten o seu interese, si señor. A xente de dereitas, xa noutra onda de ciencia espontánea,  trata de sacarlle partido á produtiva oposición sentido común/desvarío utópico, tan propio de calquera que pretenda, cando menos, saír tomar unha copa a deshora ou ler un libro. O do sentido común, que chamara a atención de Javier Pradera nun dos seus últimos artigos sobre as eleccións e o candidato Rajoy, hoxe xa electo, é unha arma cargada de pasado, moi de mesa camilla e gases de braseiro. A cousa vai diso.

23 de nov. de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión