Do viño e do país

Moncho Paz.- O pasado luns podiamos ver nas páxinas dun xornal madrileño unhas botellas de viño etiquetadas coa fotografía de Rajoy; serviron de reclamo publicitario no mitin que o líder popular celebrou o día anterior en Valencia. É vox populi que a don Mariano encántalle o froito da vide e, na caravana electoral que lle acompaña pola xeografía hispana, destaca un posto con botellas ilustradas coa súa barbada face, dispostas especialmente para a ocasión. Aínda que confeso que non degustei o devandito caldo, distintas fontes acreditan a súa orixe valenciana e que non é do todo malo.
Casualmente, mentres observaba a curiosa foto atopábame de visita no pobo natal de Fraga. A poucos metros da casa familiar de don Manuel -outrora coñecido como o “león de Vilalba”- e que foi reconvertida en sede da fundación que leva o seu nome, existe unha vella tenda de ultramarinos, desas onde podes atopar de todo e que en tempos de crise deberían ser declaradas “patrimonio da humanidade”. E velaquí a miña sorpresa: no escaparate do vetusto establecemento convivían, entre deliciosos queixos de San Simón e tarros de mel de Mondoñedo de todos os tamaños, unhas botellas que superaban con fartura ás de Rajoy. Eran moito máis divertidas e con dous motivos diferentes: unhas co retrato do fundador do PP, acompañado do lema “La gran reserva de España”; e outras coa gaivota azul do partido e a sentenza “Brindis por el futuro de España”. En ambos os casos, a bandeira española adornaba a etiqueta do líquido elemento e, ante semellante achado, non puiden resistir a tentación de adquirir un par de caixas para obsequiar, nesta recta final da campaña electoral, a vellos e novos amigos do máis variado espectro político. Recoñezo que causaron furor e recibín novos encargos nos últimos días.

E entón atropeláronme os recordos. O meu primeiro pensamento foi para Dioniso, deus do viño, máis coñecido como Baco, gran inspirador da tolemia ritual e o éxtase; pero tamén me veu á mente Rubalcaba, quen -a pesar da súa intelixencia, ideas claras e capacidade para comunicar- terá que buscar un bo viño que lle axude a dixerir o pésimo resultado que prognostican as enquisas. E, coincidencias da vida, lembrei que na Antigüidade moitos gregos afirmaban que o culto a Dioniso chegou precisamente a Grecia (rescatada) desde Anatolia (hoxe Libia reconquistada). A continuación as miñas neuronas renderon homenaxe a Baudelaire, cuxa obra “Do viño e do haxix” cumpre estes días 160 anos e serve de xogo de palabras ao título do presente artigo. E volvendo á orixe desta historia, os últimos pensamentos foron para Rajoy, que agora fala timidamente de emprender unha "reforma fiscal que non castigue", sen aclarar as medidas que a integrarán e se optará por subir o IVE cando sexa presidente. Esta decisión, que criticaba ferozmente en 2010 como unha ocorrencia e un “sablazo de mal gobernante”, parece inevitable nos malos tempos que corren para as contas do Estado e para a prima de risco española. Persoalmente, son dos que pensan que non terá outro remedio que facelo, do mesmo xeito que noutros países europeos, para evitar un posible rescate de España. Veremos o que acontece a partir do 21-N, co viño e co país.

16/11/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión