Os camposantos da Terra Cha

Paulo Naseiro.-

A pedra, mimada durante séculos polos artesáns chairegos, é materia prima fundamental dunha rica tradición constructiva e decorativa que nos legou pazos, igrexas, cruceiros, hórreos ou petos de ánimas, cerne do herdo patrimonial da Terra Cha.

Non é outra cousa que o cruel abandono e con desgraciada frecuencia a destrucción deste patrimonio o que dá pe a que floreza vizoso un activo movemento social, cada día máis grande e máis concienciado da necesidade, a cada momento máis imperativa, de non perder un legado que non só nos pertence a nós. Pertence tamén ao espírito dos seus autores, dos que participaron a súa construcción, e pertence sobre todo a un país futuro, a un país aínda en proxecto que, no seu día, se cadra nos reproche o feito de vivirmos na época da historia que só soubo destruír e esquecer.



Moitas veces, o principal problema que afecta aos nosos monumentos é o simple descoñecemento, a ignorancia de abondantes tesouros que saltan á nosa vista unha e outra vez, e para os que non sabemos ollar. Este é, se cadra, o caso dun tipo excepcional de camposantos que existen en boa parte da Chaira, que moitos algúns gostan alcumar de "neogóticos", e que constitúen un caso excepcional dentro da nosa arquitectura tradicional.

No mes de Santos do 1996, unha vella teima persoal levoume a expoñer unha pequena serie de fotografías que, se ben non tiñan a máis mínima pretensión artística, respostaban ao axioma de que só se valora o que se coñece. Pretendían, en fin, chamar a atención sobre un patrimonio que pouco a pouco estamos a perder, descontextualizándoo e mostrándoo desde puntos de vista inéditos.

Os camposantos "neogóticos" xurden en torno ás igrexas, substituíndo aos antigos soterramentos feitos na terra. Polo xeral, responden ao mesmo tipo de pranta: de forma cadrangular, onde un dos lados se deixa exento na maior parte deles, como entrada na que se coloca unha verxa de ferro, e adosados aos outros tres se constrúen torres, de catro ou nichos. A nota máis característica constitúena os pináculos calados de grande riqueza ornamental, dos que deriva a denominación máis estendida. As grandes agullas, rematadas coa cruz cristiá e moitas veces cun Cristo de formas sinxelas, coroan ben unha soa torre, ou ben un grupo de dúas, tres ou catro. Isto débese a que súa construcción podía ser obra dunha soa familia, ou de varias que se unían para contratar ao canteiro. En ocasións poden aparecer na base dos pináculos figuras, a maioría "Angustias" de rasgos moi sinxelos, de anatomía desproporcionada e hierática.

A evolución no tempo fai que os remates vaian crecendo en altura e riqueza ornamental, chegando a ser en moitos casos de maior tamaño que o corpo do panteón, feito que parece respostar ao anceio dos propietarios por destacar o seu enterramento. O material empregado en todos os casos, incluso para as lápidas, é a cantería.

Pódense distinguir os camposantos nos que as torres orixinais responden todas á mesma tipoloxía, constituíndo conxuntos harmónicos, fronte aqueles nos que aparecen tipos neogóticos de xeito illado, por influencia das zonas próximas. Os primeiros aparecen nunha pequena zona situada en torno á vila de Vilalba, na zona de influencia dos artesáns canteiros da parroquia de Román, os únicos que traballaron este estilo. Responden a esta tipoloxía os camposantos de Román, Corbelle, Carballido, Costa, Goiríz, San Martiño e San Salvador de Lanzós, Mourence, Noche, Oleiros, Rioaveso, Seixas, e Soeixo. Pola contra, exemplos illados podemolos atopar en moitos outros cemiterios dos concellos de Abadín, Vilalba, Xermade, Guitiríz e Cospeito.

A falta dun estudo máis en profundidade, acotamos o período de construcción das torres neogóticas entre os anos vinte e os sesenta do presente século. Os novos materiais, máis baratos, e as novas técnicas de construción que se impoñen en poucos anos significan o fin destes camposantos, se ben nos anos oitenta se procedeu á ampliación do da parroquia de Román, a cargo dos xa escasos canteiros, que seguiu as pautas do estilo neogótico.

Nos poucos anos transcurridos desde o remate das últimas construccións neogóticas, diversos problemas afectan de xeito moi serio a estes camposantos. Como xa se sinalou, a introdución de novos materiais levou, nunhos casos, a completar os espacios aínda sen cubrir con nichos de formigón e mármore, totalmente alleos na súa parte ornamental ao estilo predominante ou, o que é peor, malas imitacións. Asimesmo, o mármore foise impoñendo incluso nas lápidas das vellas torres de pedra.

En segundo lugar, a falta de espazo provocou a acometida de ampliacións agresivas, en ocasións colocando sepulturas no centro do recinto, estragando a estructura orixinal, e en moitos casos ampliando o recinto do cemiterio por un dos lados. A única actuación sensanta neste eido foi a decisión de construír unha nova necrópole en Santaballa, alonxada da primitiva, pero malograda ao permitir o traslado das vellas torres, o que deixou o antigo cemiterio convertido nun recinto baleiro.

Este expolio, o traslado de sepulturas incluso a camposantos de cidades alonxadas da Terra Cha, onde sen dúbida desentoan ostentosamente, é outro dos males que contribúen ao deterioro das necrópoles chairegas.

Por último, e non menos importante, hai que destacar a perda de utilidade que sufren moitos dos enterramentos debido ao maior tamaño dos cadaleitos actuais, feito que, non por anecdótico deixa de ser unha das súas maiores ameazas.

Para frear un pouco este deterioro precisaríase unha toma de conciencia por parte dos propietarios, pero tamén dunha agora inexistente protección legal que regulamentase o uso e conservación das necrópoles neogóticas, e que permitise a súa pervivencia como tesouros artísticos e etnográficos, antes de que sexa demasiado tarde. Quen tivese a oportunidade de ver a silueta dun dos nosos camposantos fundida nas cores roxas do ocaso no ceo outonal, non pode deixar de pensar que sería un erro histórico non legarlles o disfrute deses momentos aos chairegos que virán atrás de nos.

02/11/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión