Os medios en galego e a conciencia de país

Redacción.- Durante a semana que hoxe remata, a facultade de Xornalismo da USC reuniu a diversos e recoñecidos profesionais e investigadores da prensa e os medios de comunicación nunhas xornadas tituladas signicativamente "Os medios en galego, importan?". Organizadas pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación a proposta da Liga Estudantil Galega, quere reflexionar e debater sobre o pasado, presente e futuro da comunicación realizada en lingua galega no actual contexto de crise económica e política, e do uso da lingua propia nos medios galegos.

"Estamos nun país, se se lle pode chamar así, no que os medios en galego non importan", comezou así de contundente o seu relatorio o xornalista José Luís Gómez (na fotografía), ex director de Xornal de Galicia e La Voz de Galicia, "porque non existe un só xornal diario na nosa lingua". "Estamos peor que con Franco, e non digamos xa peor que na Transición ou cós bipartito e tripartito, tan denostados para outras cousas", enfatizou Gómez.

O prestixioso xornalista tirou da ironía durante toda a intervención e comparou o ecosistema mediático galego co de outras linguas minorizadas ou sen Estado, como o catalán, onde "ata os grandes medios, aínda en español, como El Periódico ou La Vanguardia, pasaron pola pedra do catalán". Cando traballaba no Grupo Z, lembraba que os seus compañeiros lle recordaban a "sorte" que tiña de falar e posuír aquel idioma, que "entendían e falaban tantos millóns de persoas", momento que aproveitou para sinalar o fondo desprezo que, na súa opinión, fan os galegos das posibilidades do idioma e a relación co sistema lingüístico lusófono. "Para afirmar que os medios en galego importan, teriamos que ser un país orgulloso de ser país, e non digo de xeito partidario", senón dende todas as ideoloxías, "como en Catalunya". Criticou entón a pasividade da sociedade e a neglixencia das autoridades, posto que, segundo Gómez, tamén a saúde da lingua e do sistema mediático é unha decisión política, posto que "da política dependen todas as grandes cousas".

Unha das razóns da crise de uso do galego en Galicia é o feito de sermos "un país pequeno, cunha poboación envellecida, e cunha importante sangría demográfica, emigrante", e pola nosa escasa conciencia de "país", que nos fai "menosprezar" a nosa lingua, polo que non poderiamos competir co castelán, "lingua emerxente", a pesar de que son preto de 200 millóns os falantes do noso sistema lingüístico, incidiu.

O ex-director de Xornal.com, primeiro dixital en galego, xa desaparecido como o Xornal en papel, reflexionou, xunto a Emma Torres, profesora da Universidade de Vigo, arredor da "viabilidade comercial da imprensa en galego" baixo un punto de vista "económico e identitario". José Luís Gómez apuntou cara a un "sistema de subvencións perverso", que provoca que haxa "fondos de normalización lingüística en Galicia dirixidos a medios de comunicación en español". Emma Torres, pola súa parte, fixo referencia ao negocio publicitario en Galicia, e lembrou que a perda de capacidade económica dos xornais débese basicamente á perda de insercións publicitarias. Respecto do papel da lingua galega no eido publicitario, a docente da Universidade de Vigo considera que a súa normalización "é parella á dos medios", polo que de momento, a súa presenza en campañas publicitarias é exclusivamente "unha estratexia de posicionamento", como poden ser as de R ou Gadis.

"A publicidade en Internet é escasa e está moi controlada", denunciou pola súa banda Gómez, "porque a domina Google, coa súa filial Ad Senses". E apostilou que non se pode falar de "mercado publicitario en galego porque non existe". Prognosticou que, nun futuro, a evolución das dúas curvas, a da situación económica nos medios e a do consumo de xornais na Rede, converxerían, crecendo xuntos, mais ese panorama positivo necesita aínda está moi lonxe, e non é cousa de "dous ou tres anos"."Claro que é posíbel conquistar o futuro, con criterio, con vontade, e facendo as cousas ben", concluíu, antes de someterse ás preguntas e reflexións dos ansiosos estudantes de Xornalismo, e de ironizar coas "operacións políticas", das que el non soubo nunca "nada", mais lle costaron o seu posto á fronte do diario, e a Xornal a súa desaparición.

Dentro da mesma vertente económica e comercial, Óscar Juanatey, da Universidade da Coruña, e Miguel Túñez, da Universidade de Santiago de Compostela (USC) reflexionaron arredor da "difusión e lectura real da prensa en Galicia", con especial atención do último á lectura de prensa en galego. Juanatey falou de "datos pouco precisos", mais "evidencias moi claras lamentablemente", como son o peche no último ano de todos os xornais dixitais e en papel: "Xornal, Galicia Hoxe, Vieiros, A Nosa Terra e Galiza Nación". Sinalou que "o futuro está na rede", con datos como o do 93% de usuarios de Internet que o empregan para ler noticias, o 60%, que emprega ambos soportes, a inmediatez, a actualización que brinda, a fácil accesibilidade, a contrastación e participación que permiten, e só un inconveniente: menos de 1% pagan por esas novas, polo que deixou no ar unha solución para "monetarizar ese acceso gratuíto", que se perfilou como o gran reto e enigma para facer viable o traballo xornalistico de calidade. "Cómpre un novo modelo de negocio", sentenciou, "e a hiperlocalización de contidos (informar sobre o contorno máis próximo ao lector, de forma persoalizada) pode desempeñar un papel clave".

Pola súa banda, Miguel Túñez apostou por realizar unha análise máis aló do habitual "comentario numérico, xa que cando se fala do galego nos medios, tendemos a ter unha actitude puramente descritiva e o que hai que ter é unha visión realista, desprovista de romanticismos, e cun punto de provocación", para engadir que "os medios son empresas, e como tales, só producen produtos para ser vendidos a unha audiencia".

O membro do Consello da Cultura Galega criticou que "os lectores, e tampouco os mozos, piden reactivamente, o galego nos produtos que demandan", posto que "os galegos non asumimos a lingua como un criterio co que avaliar os niveis de calidade dun produto xornalístico". Só así, asegurou, a imprensa en galego deixará de utilizarse como un "complemento secundario e reducido a determinado tipo de informacións". Antes de todo iso, inauguraran as xornadas o reitor, Casares Long, o decano da facultade, José Pereira, e o secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, Alfonso Cabaleiro, que rexeitou a instancias do rector dar a súa comunicación "Axudas Institucionais á Prensa en Galicia", por falar xa no acto de apertura, o que provocou a sorpresa e a indignación de máis dun asistente.

Tamén provocou o abraio da profesora María Isabel Fernández, da Universitat Autónoma de Barcelona, que ofreceu os seus datos do Observatorio de Medios de Catalunya (do que é directora) para trazar un completa e exhaustiva radiografía do sistema de medios catalán, e as axudas institucionais recibidas ao longo do período democrático a través das diversas etapas políticas. A profesora asegurou que as políticas de comunicación xogaron un papel central neste proceso, sendo unha "prioridade política para todos os partidos que pasaron polo goberno da Generalitat, especialmente no impulso da radio e a televisión públicas".

13/11/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión