Presentación de 'A cova do adeus'

Redacción.-

O Instituto de Estudios Chaireos de Vilalba edita un novo libro pertencente a colección Biblioteca Chairega. É o número 19 e leva por título: “A Cova do Adeus. Libro primeiro das crónicas do país mítico no que sempre chove”, do que é autor o escritor lucense Vicente Piñeiro. Esta novela recibiu o Premio Pedrón de Ouro correspondente ao ano 2005.

O acto de presentación do referido libro terá lugar o vindeiro venres, día 18 de novembro de 2011, ás 20,30 horas na Casa da Cultura de Vilalba. Intervirán: Manuel Castro Santamariña, presidente do IESCHA; José-Luis Novo Cazón, profesor, historiador e escritor, e Vicente Piñeiro González, escritor, topógrafo e autor do libro.

O rei Cintoulo do país mítico onde sempre chove, quere casar á súa filla a princesa Xila. Para iso van pasando diversos pretendentes pola cidade de Bría que piden a súa man. Entre eles preséntase o rei Tuba de Oretón que tamén é bruxo. E como o rei Cintoulo non accede a concederlle a man da súa filla, Tuba de Oretón, de acordo co seu consello de magos, decláralle a guerra e anuncia que se casará coa princesa. Polas boas, mellor. Polas malas, tamén. Para loitar contra el, o rei Cintoulo manda a Xan Soldado recrutar personaxes e seres da mitoloxía galega, sobre todo ao Home Deus que vive na Illa de Ons…

O autor
Vicente Piñeiro González (Lugo 1954) é Topógrafo e dedicou a súa vida profesional a traballar na Enxeñería Civil. Poeta, dramaturgo e narrador. Autor de 11 libros de poesía, moitos de cuxos poemas foron publicados en antoloxías nacionais; sete novelas, e catro libros de relatos para os máis novos; ten dez obras de teatro, as cales algunhas foron representadas en Galicia, Arxentina e Cuba. O seu poema “Señor as túas pupilas son moi azuis” mereceu o Premio de Poesía do XXIX Certame literario do Excmo. Concello de Vilalba 2003, e a “Cova do Adeus” o Pedrón de Ouro no ano 2005.

15/11/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión