Ramonet propón crear un "quinto poder"


Redacción.- Na tarde de onte, Vilalba tivo oportunidade de escoitar as reflexións de Ignacio Ramonet (Redondela, 5 de maio de 1943), xornalista galego establecido en Francia -onde na actualidade dirixe a edición española de Le Monde Diplomatique- e unha das figuras máis importantes do movemento antiglobalización.

Convidado polo xornal A Voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos, Ramonet pronunciou unha conferencia no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba ás 19:30 horas. O tema da mesma foi “A explosión do xornalismo”, que coincide co título do seu último libro, no que reflexiona sobre a prensa escrita nun intre histórico onde o ecosistema mediático mudou a causa da revolución dixital e o desenvolvemento das redes sociais. Na súa intervención, referiuse a moitas cuestións que trata no seu libro, como a endogamia político-mediática, a censura democrática, a morte do “cuarto poder” e o portal Wikileaks que, na súa opinión, foi maltratado polos medios de comunicación. Ramonet defendeu a importancia dos medios na creación da opinión pública. “A miña proposta é a creación dun quinto poder, cuxa función sería denunciar o superpoder dalgúns grandes grupos mediáticos que, en determinadas circunstancias, non só non defenden aos cidadáns senon que actúan na súa contra”, puntualizou.



Hoxe luns terá lugar á mesma hora (19:30 horas) na Libraría Couceiro de Compostela (Praza de Cervantes nº 6) unha sinatura de exemplares de La explosión del periodismo (Madrid, Clave Intelectual, 2011). En ambos actos, Ignacio Ramonet está acompañado polos xornalistas Ramón Chao e Moncho Paz. De feito, a súa presenza en Vilalba forma parte do proceso de reconciliación de Chao co seu pobo natal, onde regresou o pasado mes de abril para participar nun acto de similares características organizado polas mesmas entidades.

Natural de Galicia, Ramonet creceu en Tánxer onde os seus pais, republicanos españois que fuxían de Franco, instaláronse en 1948. Estudou na Universidade de Bordeaux e regresou a Marrocos. En 1972 trasladouse a París, onde se iniciou como xornalista e crítico cinematográfico. É doutor en Semioloxía e Historia da Cultura pola École deas Hautes Études en Sciences Sociais de París e catedrático de Teoría da Comunicación na Universidade Denis-Diderot (París-VII). 

Especialista en xeopolítica e estratexia internacional e tamén consultor da ONU, actualmente imparte clases na Sorbona de París. Dende 1990 ata 2008 foi director da publicación mensual Le Monde Diplomatique e a bimensual Manière de voir. É cofundador da organización non gobernamental Media Watch Global (Observatorio Internacional dos Medios de Comunicación) da que é presidente. 

Un editorial escrito en Le Monde Diplomatique durante 1997 deu lugar á creación de ATTAC, cuxa labor foi dedicar orixinalmente á defensa da taxa Tobin. Na actualidade dedícase á defensa dunha gran variedade de causas da esquerda política e ten como presidente de honra a Ignacio Ramonet. Foi tamén un dos promotores do Foro Social Mundial de Porto Alegre. É Doutor Honoris Causa da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Nacional de Córdoba (Arxentina). Ignacio Ramonet foi galardoado en numerosas ocasións e é autor de varios libros, a maioría traducidos a diversas linguas.

Reportaxe Fotográfica: Paulo Naseiro

28/11/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión