Acción Urbano. Lembrando a Lugrís

Redacción.-

Urbano Lugrís deixou o seu trazo máxico por toda Galiza, dende Ferrol até Baiona. Foron A Coruña e Vigo, comezo e remate dunha viaxe polo surrealismo atlántico. A asociación cultural A Nave das Ideas e o colectivo cidadán In Nave Civitas reivindicaron o pasado sábado 17 o legado que nos deixou: a cultura atlántica.

Lugrís mostrounos un océano máxico, cheo de historias e de misterios inmortalizados para sempre en debuxos, cadros e murais. Admirado por moitos, a súa figura fica esquecida e mesmo algunhas da súas obras palidecen á intemperie.

Ante isto, a asociación cultural A Nave das Ideas e o colectivo cidadán In Nave Civitas quixeron removelas conciencias e honrar a memoria de Urbano Lugrís, lonxe de localismos, convidando á cidadanía galega a que se sumase o pasado sábado día 17 a Acción Urbano, con espectáculos musicais, poéticos e pictóricos que encheron as rúas de Vigo e A Coruña.

Na cidade de Vigo os actos comezaron ás 11h no Marcocun un roteiro por diferentes puntos que teñen relación coa vida e obra de Lugrís. Carlos L. Bernárdez, especialista en arte galega, fixo de guieiro. O acto rematou co lanzamento simbólico dunha botella ao mar do Berbés tras ler o manifesto da homenaxe.

Pola tarde, a partir das 19h no Verbum, fíxose a homenaxe central do acto que contou con música, poesía, pintura e conferencias. Tamén houbo unha cativa exposición de cadros de Lugrís.

Ademais, publicarase en edición dixital un libro de poemas de distintos autores a partir de cadros de Lugrís.

Na Coruña os actos comezaron ás 20:00 horas no palco da música dos Xardíns de Méndez Núñez. Este obradoiro submarino foi o punto de partida da “manifestación atlántica” que percorreu as rúas e tascas nas que paraba Lugrís, até o seu antigo estudo, na rúa Mantelería.Seguindo os pasos de Lugrís, virouse até o café Barrozas, onde o propio Urbano adoitaba a parar tralas súas molladuras no mar do Orzán. Alí o bombardino da Banda Municipal, Lourezo Castro, e Pulpiño Viascón fixo a presentación mundial da rapsodia a BALADA DO PORTO DE OS. O acto rematou na coraza do Orzán onde se deu lectura aomanifesto e guindouse unha botella cara o Berbés.

A Coruña e Vigo unidas por Lugrís!

19/12/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión