Crise e adiantos electorais

Fermín Bouza.-

Os anos 2012 e 2013 poderían ser dunha dureza tal, cunhas autonomías recortadas e perdendo emprego, que o PP pensa xa en adiantar eleccións para parar o golpe electoral que lle podería vir encima en Galicia (e no País Vasco).

En Galicia, con todo, o PSdG e o BNG non están no seu mellor momento (precisan cambios para recolocarense no mercado electoral con posibilidades: as novas clases medias, decisivas, agardan as súas mensaxes), ao contrario da actual oposición na autonomía vasca, e terán complicado, pero non imposible, superar a un Feijóo que, aínda que empeorou até o límite os déficits galegos, tamén aprendeu definitivamente a trampear e a gañar eleccións.

As autonómicas andaluzas serán, parece, o 25 de marzo, e darán a pauta sobre o principio ou non da caída do PP mentres o paro segue medrando e a xente comeza a pensar desde outras perspectivas.

Aínda que marzo se cadra é aínda cedo para eses cambios de paradigma electoral. Se o PSOE consegue salvar a autonomía andaluza, o PP comezaría a súa conta atrás.

No caso galego un BNG menos dividido e máis unido en torno a perspectivas máis actualizadas da política (ese discurso arqueolóxico e pseudo-esquerdista que algúns voceiros manteñen é nefasto e nada crible) podería volver ser algo relevante e a sumar voto. O PSdG necesita cambios na súa relación con Galicia, pois segue paseando unha imaxe excesivamente central e dependente que acaba decantando o seu voto cara ao PP en igualdade de condicións nese tema. Imos seguíndoo.

05/12/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión