Éxito das XII Xornadas do Capón no Parador

Redacción.- No día de onte, coincidindo coa Feira do Capón de Vilalba, pecháronse con éxito as xornadas gastronómicas que con tal motivo ven organizando o Parador de Turismo dende hai doce anos. Esta iniciativa englóbase dentro das "Mostras Gastronómicas" postas en marcha por Paradores para promocionar tanto os produtos como as tradicións culinarias máis significativas do noso país. A selección de pratos de capón degustouse de xeito individual ou en forma de menú, xunto a outros produtos galegos como o queixo de San Simón ou as castañas.

O Parador de Vilalba rendeu así unha especial homenaxe á gastronomía da terra celebrando a XII edición das súas Xornadas do Capón. Dende o 10 ata o 18 de decembro fíxose unha chiscadela á historia, a tradición e unha das receitas máis representativas da zona. Nas referidas datas, a cociña do establecemento puxo a disposición dos clientes unha carta especial na que o capón foi o auténtico protagonista. En concreto, a selección de pratos elaborada para a ocasión puido degustarse por separado -a prezos comprendidos entre os 5 e os 23 euros- ou a modo de menú pechado, cos aperitivos de entrada, un primeiro prato, un segundo prato e unha sobremesa ao prezo de 38 euros (impostos incluídos).

Para abrir boca, a proposta do Parador pasaba por un paté de capón con tostas de pan de aldea e cebola confitada ao que seguirá unha pasta con capón e queixo de San Simón con salsa de fungos. Como pratos principais podíanse degustar un guiso de arroz con capón e algas, un capón ao viño de Albariño con revolcona de castañas ou un capón asado "á vilalbesa" con amoados de millo. Para pechar a degustación, non fallou a bica de millo con crema de bagazo e xeado de leite merengada.

Con esta e outras iniciativas gastronómicas levadas a cabo durante o último ano, Paradores de Turismo mostra o seu esforzo por recuperar os sabores e as tradicións de sempre, pondo en valor e promocionando os produtos e receitas máis significativas de cada zona do noso país.

19 de dec. de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión