A lingua outra vez

Fermín Bouza.-

A lingua histórica de Galicia, a súa lingua propia, é o galego, na súa versión romance a día de hoxe. Houbo outras linguas anteriores e os usos político-administrativos fixeron que o antigo castelán (hoxe, din, unha forma dialectal do español...) entrase como segunda lingua até converterse en lingua de uso obrigado en todo o concernente á vida pública do estado. Os Estatutos de Autonomía trataron de recuperar a lingua histórica primordial das comunidades con lingua  propia, e conseguiron a cooficialidade co castelán (hoxe español?).

Lingua propia é concepto histórico-antropolóxico e etnolingüístico no seu uso actual polos defensores das linguas declinantes en países con lingua franca obrigada. Ben, non para a Xunta e a súa Valedor do Pobo. En Galicia estamos sometidos a estas humillacións permanentemente, con defensores do pobo que son como os seus peores inimigos, e imos perdendo sen présa e sen pausa todo o noso capital simbólico.

O tema da lingua foi politizado polo PP, que se negou a acordalo. É unha causa que, de seguir este ritmo de ocupación lingüística, acabará coa nosa lingua propia. A dignidade non é unha abstracción: está directamente relacionada coa defensa contra o espolio. En 2013 haberá outra oportunidade de recuperar o noso ritmo vital ou de perdelo, e esta vez se cadra para sempre.

16/12/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión