Asemblea de “Galiza co Galego”

Francisco López.- Nesta tarde en que está a facerse noite, na regresión da nosa sociedade, onde a liberdade e o respecto perden fronte á manipulación e á tropelía, eu, que non posúo máis que a  determinación de contribuír, coma vós, a unha sociedade máis xusta e igualitaria, plural e democrática, quero apelar á vosa implicación. A lingua propia, como parte do pobo,  morre cando a cadea de transmisión entre xeracións desaparece, sendo a infancia da cal depende o futuro, a parte máis feble.

Galiza co Galego nace, no ano 2009, como un  movemento popular, resultado do debate social, co obxectivo de sumar máis de 3.000 compromisos a prol dunha Asociación que garanta o dereito á educación en galego. Coa participación das asociacións en defensa da lingua, asociacións pedagóxicas, sindicatos e cooperativas de ensino da nosa terra, Galiza co Galego elaborou un proxecto de Rede de escolas infantís, cun programa educativo común e aberto.

Conseguido o obxectivo dos compromisos en maio de 2011, o vindeiro sábado 28 de xaneiro teremos a asemblea de ampliación de Galiza co Galego, na que as máis destas tres mil persoas pasarán a ser socias para, así, podermos garantir social e economicamente o futuro da educación en galego con independencia e seguridade.

Galiza co Galego vai pór en marcha unha rede de ensino en galego, vai apoiar a viabilidade económica das escolas, vai axudar ás familias para exercer o dereito universal da infancia á educación, vai asegurar unha educación en galego laica, pluralista, democrática, de valores e de calidade.

É doado inscribirse e participar, por medio da súa web  www.galizacogalego.com/altagcg ou no seu blogue  http://limiargalego.blogspot.com/p/afiliacion-cgg.html. 

10/01/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión