Hospital Metropolitano Antón Beiras


Xurxo Martínez González.-

Vigo acolleu gratamente a sobranceiros intelectuais da cultura galega. Moitos deles, malia seren oriúndos doutros lugares, consideráronse fillos adoptivos dunha cidade que non puxo reparos en tal xesto. Esa acumulación e comuñón cos vigueses permitiron o florecer de destacadas iniciativas artísticas, arquitectónicas ou editoriais.
O hinterland vigués converteuse nunha capital da arte galega, no lugar onde distintos artistas desenvolveron a súa obra. A presenza destes favoreceu aínda máis a identificación da cidade coa comunidade galega.
Álvaro Cunqueiro resulta un exemplo de fillo adoptivo por motivos de sobra coñecidos. Unha figura do seu tamaño, un verdadeiro xigante da literatura galega, merece con certeza un recoñecemento. Cunqueiro, que nos ensinou a internacionalizar a nosa cultura por medio da expresión literaria en galego, é merecente de algo máis que ter unha rúa ou o nome nun instituto de Coia. Debería explotarse doutro xeito a imaxe dese espléndido fabulador que retiña no maxín unha cantidade incerta de anécdotas, contos e outras lerias.
O Partido Popular lanzou a proposta, no romper deste ano, de instituír o nome de Álvaro Cunqueiro ao novo complexo hospitalario de Vigo, que arelamos sexa integramente público pois a saúde das persoas non pode medirse nunha cifra monetaria. Faino no ronsel do pasado centenario do nacemento do escritor mindoniense (1911). Argumentan a educación na botica do seu pai naquel Mondoñedo antergo ou na publicación do libro Escola de menciñeiros. Sen dúbida Cunqueiro foi un entendido na materia.
Porén non estamos carentes na urbe atlántica doutras figuras intimamente ligadas ao campo da saúde para botar man de Cunqueiro. Sinalemos o humanista Antón Beiras García, recoñecido oftalmólogo a quen a cidade xa lle dedicou unha rúa (situada entre o nudo de Isaac Peral e a Travesía de Vigo).
Antón Beiras, coñecido como Tucho, instalouse na cidade en 1946. A consulta estaba situada no Edificio Sanchón, na rúa Policarpo Sanz, onde tamén tivo o seu bufete Valentín Paz Andrade.
Axiña centraría os esforzos de investigación na corrección do estrabismo viaxando por toda Europa. Publicou artigos en galego sobre importantes avances científicos. O resultado foi a creación dun aparello que axudaba a corrixir a deficiencia óptica. A ese aparello púxolle de nome “vigoscopio” nun evidente ademán á cidade da oliveira. Por mor da temperá visita da morte Antón Beiras non puido desenvolver o vigoscopio.
Alén da actividade profesional, Tucho tamén mantivo unha inquedanza intelectual que se expresaría coa participación no primeiro equipo de xerencia da Editorial Galaxia ou na cofundación da escola Rosalía de Castro na urbe onde residía e que dirixiu a súa dona, Antía Cal (excelente pedagoga educativa).
A atípica parella de Tucho e Antía, atípica dentro da súa clase social dado o compromiso coa cultura galega en tempos de obrigada escuridade, colocaron a Vigo nese epicentro da nosa terra, fose por razóns culturais, educativas ou científicas.
Vigo débelle ben a Álvaro Cunqueiro mais darlle o seu nome a un hospital non resulta o máis axeitado porque non foi, malia os datos expostos, unha persoa ligada ao campo da sanidade. Porén, Antón Beiras ofrece un elenco de argumentos a prol dese bautizo e resultaría arduo difícil negarllo. O Hospital (Público) Metropolitano Antón Beiras parécenos a mellor opción. Canto menos, deberíase considerar.

25/01/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión