Nace 'Praza Pública'

Comunicado de Praza Púbrica.-

A Galicia non lle cómpre o silencio. Para evitar que o silencio encore a Galicia nace Praza Pública, un novo xornal dixital en lingua galega. Aínda está viva a crise da prensa tradicional e a deleiba dos medios de comunicación na nosa lingua. En dous anos desapareceron da Rede e dos quioscos a maioría das cabeceiras informativas en galego e reduciuse drasticamente a pluralidade informativa. Nós non nos resignamos, nin aceptamos a condena de Galicia como terra de imposibles e de submisión. Son precisos novos medios para mellores tempos.

Son necesarios, e urxentes, proxectos informativos en lingua galega cos que dar vida a un espazo de comunicación e diálogo cidadán noso. Modesta en medios, Praza Pública ambiciona contribuír desde o pluralismo, a independencia de criterio e a crítica á súa construción, abríndose á participación dos cidadáns. Non hai boa información sen o diálogo permanente cos lectores e coidar desa conversa é imprescindible para ser un medio de utilidade para o país.

Hai que facer posible unha nova relación entre medios, xornalistas e cidadáns. A través de Praza queremos atender unha nova axenda informativa máis apegada aos problemas e preocupacións dos cidadáns do común. Somos sabedores de que unicamente é posible facelo cun proxecto xornalístico baseado na capacidade, na intelixencia e no bo facer dos profesionais da comunicación. Praza Pública será un medio para o recoñecemento da calidade do traballo dos xornalistas de Galicia.

Queremos ser un xornal dixital que atenda as novas realidades que agroman en Galicia, na súa cultura, na innovación económica e no ensaio cívico de novas linguaxes, dereitos e liberdades. Praza será un lugar de encontro de todos os galegos e galegas que desexan o cambio político, social e cultural no noso país, de quen están comprometidos co avance do noso autogoberno e se esforzan por dar voz e maior protagonismo á nosa sociedade civil.

Queremos que Praza repouse na solidez do seu proxecto xornalístico e no compromiso activo dos seus lectores e lectoras. Praza é un proxecto editorial que se financiará grazas ás súas achegas, grandes ou miúdas, de acordo coas posibilidades de cada quen. Non imos confiar o futuro financeiro de Praza ás axudas públicas. A experiencia dos medios galegos doutrora dinos que se hai unha sólida comunidade de lectores poderemos estar no mercado dos medios, ofrecendo uns produtos informativos innovadores e atractivos para cidadáns e anunciantes.

A nosa empresa é esa comunidade de lectores. Por iso decidimos que Praza Pública non tivese o seu soporte empresarial nunha sociedade mercantil senón nunha fundación sen ánimo de lucro, da que formarán parte todas aquelas persoas que fagan achegas de capital ou traballo xornalístico. A fundación será o espazo de decisión de todas e todos os que fagan posible Praza Pública coa súa xenerosidade, apoio solidario e traballo.

Sabemos que a forza de Praza Pública é a forza do compromiso dos seus lectores e lectoras. De aquí a finais de xaneiro de 2012, Galicia contará cunha nova Praza Pública. Grazas a vós, terá un novo medio de comunicación libre para dicir, debater e criticar; un novo medio plural en voces e pareceres, para saber o que acontece en Galicia, para saber do mundo desde Galicia e para facer saber de Galicia no mundo.

Máis información en:
http://prazapublica.com

06/01/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión