A seguridade do Polígono vilalbés

Xulio Xiz.-

É un tema que ven de lonxe e vai para longo o da seguridade no polígono industrial de Vilalba.

Nunha concentración de empresas como é este polígono, distante da capital do concello, é lóxico que algúns industriais se preocupen pola seguridade, e que a directiva da asociación de empresarios emprenda iniciativas para dotar ao polígono de axeitados servizos. Diante dun tema así hai infinitas posibilidades, de moi diferentes
custos, pero as máis efectivas son a vixiancia a cargo de pesoal que patrulle continuamente, dia e noite, as rúas do polígono, ou a instalación de cámaras que permitan controlar as vintecatro horas do día a presencia de xentes nas cercanías das empresas, pasando claro está por un sistema mixto entre as dúas posibilidades.
Pero todo eso ten un custo moi elevado que só é posible afrontar se todas as empresas se poñen de acordo ou algún organismo oficial colabora na súa financiación.

Tal como están as cousas, é ben dubidoso que se consiga axuda externa, polo que os empresarios dependen da súa propia iniciativa e aportación. E se ben os empresarios son algo máis de cen, non chegan a medio cento os que están dispostos a pagr por esta seguridade para todos.Ocorría xa hai ben anos en Lugo no Polígono de O Ceao, onde se contratou seguridade privada para reforzar a vixiancia da policía municipal. E só a metade dos empresarios pagaba o custo do servizo, mentras que se beneficiaban del a totalidade dos empresarios alí instalados.

Mentras non comprendamos que ou todos participan ou non hai nada que facer, o sistema non se poñerá en marcha. E sábese que o momento é difícil, pero precisamente nos momentos difíciles os riscos son maiores, e os posibles danos por roubo sentiríanse moitísimo máis. Pagando todos, calquera servizo común coma este sae relativamente barato.

02/01/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión