A Colección CGAC no Torrente Ballester

Redacción.-

O pasado venres, día 27 de xaneiro de 2012, ás 20:00 horas tivo lugar a inauguración das dúas exposicións que abriron o ano no Centro Torrente Ballester de Ferrol, ambas as en colaboración co CGAC.

Por unha banda, a exposición "Miradas cinematográficas. Colección CGAC", que analiza a importancia da linguaxe cinematográfica no desenvolvemento das artes visuais contemporáneas e que busca achegarnos á propia historia do cinema a partir dos seus procesos. O cine, foi sen dúbida, o medio artístico con máis impacto na cultura do século XX. En innumerables ocasións, o traballo dos artistas do resto dos campos visuais foi fonte de inspiración para directores, guionistas, fotógrafos, deseñadores de vestiario, e en xeral todos os responsables de fabricar o artificio da imaxe cinematográfica que se converte no que coñecemos como película. Se isto é así, tamén aconteceu á inversa, que o cine influíu de xeito determinante no resto de disciplinas categorizadas como artes visuais.

Miradas cinematográficas. Colección CGAC pretende achegar a principal colección de arte en Galicia ao Centro Torrente Ballester e facelo a través dunha lectura que nos permita recoñecer a pegada da linguaxe cinematográfica no resto das artes visuais da contemporaneidade. Coma se tratásemos de analizar unha rodaxe, a exposición busca achegarnos ao mundo do cine como produto artístico rematado pero tamén á influenza na arte dos seus intersticios, dos seus procesos. Unha serie de seccións como SECUENCIAS, LOCALIZACIÓNS, EN BRANCO E NEGRO, OS ACTORES ou ACCIÓN!, serven como fío condutor para mostrarnos cal é a mirada cinematográfica dun importante conxunto de artistas representados na colección.

Por outro, "Pouco antes da tormenta convén un pouco de humor", unha mostra de formato máis pequeno que complementa á anterior ao asumir como na influencia do cinema sobre a arte estática é decisiva a introdución do humor.A influenza do cine sobre a arte estática é decisiva para a introdución do humor, de aí que quixésemos completar unha visión cinematográfica dende a colección do CGAC, con esta pequena homenaxe ao humor na arte. Coa introdución da acción cómica, o cine descobre unha estratexia novidosa para tal fin: o gag, que significa algo así como amordazar, poñer algo na boca que impida falar. A relación deste significado coa acepción do gag no humor, ten bastante que ver, no sentido de que o gag evita dicir todo o necesario para poder lograr a sorpresa. Como o chiste, que di o que ha dicir en menos palabras das necesarias, o gag exhibe o factor sorpresa como elemento principal da súa estrutura facendo recapacitar á arte sobre a súa propia esencia e a liberdade de permitirse a sorpresa do proceso creativo que fai á obra desviarse cara a unha resolución incerta. Porque explotar o enxeño e arrincar o sorriso nun mundo artístico tan inclinado polo sinistro non é tarefa doada, e a evolución do cine como sistema de representación vai ser fundamental para entender o xeito no que a arte estática vai introducir o humor, moitas veces dende a provocación, como sistema válido.

Ambas as exposicións, que teñen como comisaria a Mónica Maneiro, poderán visitarse até o día 13 de abril de 2012.
Mónica Maneiro (Bos Aires, Arxentina, 1976) será a comisaria encargada de ofrecer estas dúas perspectivas dunha colección referencial á hora de falar de arte contemporánea en Galicia.
Licenciada en Historia da Arte e Máster en Arte, Museoloxía e Crítica contemporáneas pola Universidade de Santiago de Compostela e doutoranda na rama de Crítica e Estética pola Universidade Complutense de Madrid, Mónica Maneiro é crítica de arte, comisaria de exposicións e coordinadora editorial da revista Dardo.
En 2010 foi comisaria adxunta do proxecto de arte Look Up! Natural Porto Art Show na cidade de Porto e en 2011 comisaria da exposición Dressed, no marco da Fashion Week e de El Espacio Intermedio no MACUF da Coruña.

2 de feb. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión