E Rouco Varela, que pensa?

Ramón Chao.-

Fai cousa dun ano, sopesando a culpabilidade duns sacerdotes acusados de pedofilia, o presidente da Confederación Episcopal española, o meu moi querido paisano o cardeal arcebispo de Madrid e presidente da Conferencia Episcopal Española (CEE), monseñor Antonio María Rouco Varela, a quen non podo chamar senón Tucho, como na nosa nenez, declarou que el non tiña por que meterse neses temas e considerou que os curas pedófilos "deben certamente responder os seus actos ante Deus e ante a Xustiza humana". O meu amigo de infancia asegurou, en plural, que "lles doen (sic) aos bispos na alma os graves pecados e delictos cometidos por algúns irmáns no sacerdocio e por algúns relixiosos que abusaron de menores, traizoando a confianza depositada neles pola Igrexa e pola sociedade".

Que pensará hoxe Tuchiño, sempre sumiso aos papas sucesivos, deste simposio ao que Benedito XVI dirixirá unha mensaxe de simpatía?. A Joseph Ratzinger sempre lle preocupou "este lixo que se atopa dentro da Igrexa", mesmo cando o seu discípulo galego se mostraba comprensivo e non quería manchar as mans con semellante "lixo".

Oficialmente chamadas "Cara á cura e a renovación", os coloquios  reúnen participantes de 110 conferencias episcopais, 33 especialistas do dereito canónico, sicólogos... E unha soa vítima!; unha moza irlandesa violada na súa infancia por un cura de Dublin. O seu fin, loitar contra a praga da pedofilia no clero, asegurar a protección das criaturas, axudar ás vítimas, romper a lei do silencio (que practicaba Tuchiño), así como apoiar aos "adultos vulnerables".

8 de feb. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión