Morreunos O Roquiña


Xulio Xiz.-

O que levamos andado deste ano vainos proporcionando luctuosas novas que afectan a seres cos que temos relación, e que nalgúns casos temos como da familia.

Morreu Fraga neste tempo, ocasionando un oco moi importante na vida política e social de España, de Galicia e especialmente de Vilalba. Morreu Xoan Corral, o hosteleiro de Baamonde, famoso polos seus traxes, os seus poemas e o seu sorriso. Morreu Seivane o laico patrón das gaitas galegas.Morreu en Lugo o primeiro Alcalde da democracia, José Novo Freire, exemplo de persoa de ben. E entérome con retraso que morreu Roca, Roquiña, un veterano da música vilalbesa, de algo máis de oitenta anos, que chegara a ser unha institución na Coral vilalbesa, e antes na música de banda coa Nova Lira.

A nova, para min ben tristeira, deuma Alfonso Baamonde, o Presidente da Coral o pasado sábado, na clausura do Belén de Begonte. Porque este ano a tempada do Nadal en Begonte pechouna a nosa coral que dirixe o benemérito Uxío García Amor.

Alfonso, cando falou aos presentes mencionou que o xoves pasado a Coral perdera un dos seus membros, e por eso estaban de loito. Pero logo díxome que era o Roquiña o que morrera, e eu sen enterarme ata daquela, e polo tanto sen ir a Vilalba a estar coa familia coa que teño relación desde antes de ter uso de razón.

Unha das últimas veces que o vin foi nunha actuación da Banda no Auditorio vilalbés, e con el estaba – coma sempre – a sua muller, Ofelia Guntín. E os dous confesáronme estar tremendamente orgullosos porque dous dos seus netos tiñan metido no corpo o gusto pola música que eles, e toda a súa familia, tiveron durante toda a vida, e camiñaban moi firmes na execución musical. Eran dous avós ilusionados, satisfeitos, entusiasmados.

Cando o Roquiña cumpriu oitenta anos, nunha das ceas anuais de Santa Cecilia, a Polifónica rendeulle unha homenaxe familiar, doméstica, entrañable. E eu lembro que o felicitei, avisándoo de que aquello viña ser un chantaxe para que seguira en activo como cantor, e que cando cumprira os cen xa falaríamos.

Naquela cea, o Alcalde vilalbés levou unha caixa de puros Montecristo número 4, que supoño son o non vai máis en canto ó placer dos fumadores, e daba gloria ver a Roca, ó crego, ó Alcalde, a Tito o diputado e a Alfonso o Presidente da Coral, e uns cantos máis, tirando do fume de puros tan señoriais.

Eu, que teño a desgracia de non saber apreciar esas cousas, rexeitei un puro porque os destrago en vez de fumalos. Pero só os destrago nas vodas.

Daquela vez, o puro salvouse. E agora ben que o sinto, que o Roquiña ben merecía que eu estragase un puro na súa honra. Á entrada da miña casa dos veráns figura un cadro que leva a firma do Roquiña. É unha plumilla que reflicte a casa de Chao Ledo que hai tempo desapareceu, que estaba situada baixando cara a Magdalena. Foi un agasallo que me fixo hai xa moito tempo, sabendo da miña devoción por Vilalba e este
gran escritor.

Cada vez que a vexa pensarei no bo home que tanta amizade, tanta paz e tanto sorriso reparteu durante toda a súa vida, e co que mantiven unha relación de familia, reforzada no último cuarto de século pola común pertenza á polifónica Vilalbesa, eu como socio de honra e el como cantor imprescindible, fundamental pilar de esta institución.

Descansa en paz Roquiña, amigo. E Apertas para Ofelia, fillos e netos, e para toda a familia dos “longos”, tantos deles na historia na música vilalbesa.

6 de feb. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión